As familias reclaman o dereito ao ensino das crianzas con doenzas crónicas

Nieves Villar [Imaxe Ana Doldán / Que pasa na costa]

Denuncian que a Consellaría de Educación desoe a súa petición de que se institúa un protocolo para asegurar acceso á atención educativa domiciliaria.

 

Hadrián ten 11 anos. É de Malpica e ten leucemia. A súa enfermidade impídelle ir a aulas coma calquera outra persoa. Eis a razón pola que súa nai, Nieves Villar, iniciou unha campaña que vai alén do seu propio fillo para reclamar o dereito das crianzas con doenzas crónicas a acceder a atención educativa domiciliaria. 

A batalla de Nieves comezou no mes de outubro através dunha recollida de sinaturas na plataforma change.org na que dirixía unha carta á Consellaría de Educación reclamando unha lei galega que regule o horario mínimo lectivo a crianzas doentes e na que se fixe un "mínimo de 12 horas e media semanais". Isto é, a metade das horas dunha persoa sá. 

Axiña se fixo con milleiros de asinantes, máis dun milleiro nas cinco primeiras horas, e perto de 27.500 no que vai de campaña. Entrementres, solicitou un encontro formal co conselleiro, Román Rodríguez, e contactou mesmo con Felipe de Borbón, xefe do Estado español, para lle trasladar a situación que atinxe non só o seu fillo, senón a tod@s @s nen@s de Galiza con enfermidades crónicas. 

Recibiu ofertas persoais para lle impartir aulas a Hadrián mais Nieves declinou todas argüíndo que hai familias "peor cá min e que precisan de maior atención médica e educativa para os seus fillos", segundo recolle a imprensa local. 

O conselleiro ausente

Daquela, o propio conselleiro de Educación dirixiuse telefonicamente a Nieves Villar para lle transmitir tranquilidade e asegurarlle que se reuniría con ela e coa Confederación de ANPAS galegas. Un encontro axendado para esta segunda feira (9 de novembro) mais á que finalmente non asisitiu el e si dous altos cargos da Consellaría. O desplante de Román Rodríguez fixo quecer os ánimos. 

Nieves Villar advirte que se encadeará en San Caetano se o conselleiro non accede a manter unha reunión, como prometera

“Eu aquí non veño polas horas do meu fillo, senón polas horas de todos os fillos enfermos ou que poden estalo”, asegurou en comparecencia de imprensa Nieves Villar, en declaracións recollidas polo dixital Que pasa na costa

"Os nenos e nenas inmersos nun proceso de longa enfermidade, apartados da vida cotiá, non só dos centros educativos, nos que a vida medra separada deles, deben ter unha atención especial [...] temos que prepararlles un futuro, para cando rematen unha experiencia xa de por si tráxica", asegurou Fernando Laccaci, de Confederación ANPAS Galegas. "A administración ten que solucionar a vida futura deses nenos, o seu dereito á educación coma o resto, aínda que estean enfermos. Ademais, son problemáticas que hai que solucionar en canto xorden, porque estamos falando de cousas moi graves", acrecentou. 

Pola súa banda, Nieves Villar asegurou que a vindeira segunda feira encetará un encadeamento ás portas dos edificios da Xunta en San Caetano se o conselleiro non fixa unha nova reunión e a materializa.