Sanidade

A Xunta convoca menos prazas MIR que as autorizadas polo Goberno estatal

As ofertas máis reducidas de prazas MIR nos últimos anos están dirixidas a Atención Primaria. (Foto: Europa Press)

A falla de facultativos déixase notar na calidade asistencial do sistema sanitario galego. Os recortes aplicados polas diferentes Administracións teñen provocado unha redución e un envellecemento nos cadros de persoal.As escasas ofertas de prazas MIR da Xunta teñen agudizado o problema na Galiza.

As convocatorias de prazas MIR efectuadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) son inferiores en número ás permitidas polo Ministerio de Sanidade. O Goberno galego vén ofertado nos últimos anos un número de prazas de facultativos inferior ao de profesionais que se teñen xubilado neses exercicios. A este respecto, a Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou que entre 2012 e 2017 xubiláronse 175 pediatras en Atención Primaria e Especializada pero a Xunta só cubriu 96 prazas, polo que nesta especialidade perdéronse 79 prazas.

O acontecido en Pediatría repetiuse en diferentes especialidades ao longo da última década. Así, por exemplo, en 2021 a oferta MIR na Galiza ficou en 142 prazas, 96 menos que o total de facultativos xubilados nesa anualidade no sistema sanitario galego. Neste sentido, desde a CIG tense denunciado que o déficit de profesionais e o envellecemento dos cadros de persoal do Sergas son consecuencia de que as convocatorias de prazas non cobren as baixas producidas por razóns de idade.

A ausencia de persoal facultativo vese agravado pola non cobertura de determinadas prazas unha vez rematado o proceso formativo. Sen ir máis lonxe, en 2022 ficaron sen cubrir 6,33% das prazas ofertadas para Atención Primaria en toda Galiza, na súa totalidade localizadas na área sanitaria de Lugo-Monforte-A Mariña. Outro tanto aconteceu en Atención Especializada, onde quedaron valeiras dúas prazas en Medicina do Traballo e Preventiva.

O voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, explica o acontecido como “consecuencia da perda de prestixio social da especialidade de Atención Primaria e, fundamentalmente, do empeoramento das condicións de traballo en Medicina Familiar, que leva moita xente a optar por outras especialidades ou mesmo a renunciar á súa praza en MIR en Primaria para formarse noutras especialidades. Nesa dirección, expresa a súa preocupación “pola existencia de cada vez máis vacantes que vai aumentar o déficit de profesionais”.

A situación non ten perspectivas de mellorar a curto prazo. Neste sentido, a planificación aplicada pola Administración sanitaria galega ten provocado unha importante redución e envellecemento nos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde. Sen ir máis lonxe, a Galiza dispón de 469,2 médicos e médicas por cada 100.000 habitantes, unha cifra que a coloca nos postos de cola do Estado español e moi por baixo da media cifrada en 499 facultativos por cada 100.000 habitantes. Neste sentido, só conta con menos médicos que a Galiza Melilla, Ceuta,  Castela-A Mancha e Andalucía.

A falla de médicas e médicos percíbese nos diferentes niveis da asistencia sanitaria. Porén, é máis acusado en Atención Primaria. Segundo as últimas cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referidas a 31 de decembro de 2021, a Galiza contaba nese momento con 2.665 médicos en Atención Primaria, 46 menos que en 2020. Neste nivel sanitario recortouse o investimento público en dous millóns no último exercicio orzamentario, rexistrando unha caída de 7,5 puntos en relación con 2008.

Pediatría

A ausencia de profesionais en Primaria afecta especialmente a Pediatría. Segundo o IGE, os centros de saúde contaban en 2004 con 405 pediatras, e en 2021 con 318. Así, 192 concellos carecen de servizo de Pediatría, reducíndose o número de profesionais desta especialidade en 22,5% desde 2009, con 40% dos profesionais superando 55 anos e con 25% por riba dos 60. De feito, o Sergas postergou en 2020 a xubilación a 20 pediatras de Primaria por falla de persoas para cubrir as súas prazas.

Os cadros de persoal atópanse moi envellecidos en Atención Primaria. Segundo os datos recollidos do Sergas, 15,9% dos facultativos dos centros de saúde da Galiza superan os 64 anos.  17 deles rexistran 70 anos, 258 atópanse entre os 66 e os 69 anos e 169 teñen 65 anos, como consecuencia dun proceso marcado polos recortes orzamentarios  da Xunta da Galiza.