A Xunta convoca un grupo técnico sobre o suicidio

Trátase dunha das principais demandas do Movemento Galego de Saúde Mental. O seu obxectivo é a elaboración dun plan galego de prevención. 

Através dun comunicado de imprensa o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) vén de informar da creación por parte da Xunta de Galiza dun grupo de traballo técnico cuxo obxectivo será a elaboración dun plan galego de prevención do suicidio na Galiza. 

Desde o MGSM parabenízanse porque a Xunta decida avanzar na elaboración dun plan de prevención mais advirten que ficarán atentos ao seu "grao de compromiso"

Á primeira xuntanza acudirán os xefes de servizo de Psiquiatría do SERGAS e outro de Atención Primaria, o xerente de FEAFES, a directora do IMELGA, o director do 061 e dous facultativos máis das EOXI de Ourense e Santiago. Desde o Movemento Galego de Saúde Mental aseguran que só "cabe felicitarse porque se recoñeza dende a Xunta a importancia da cuestión, e se asuma por fin pola Consellería de Sanidade que debe elaborarse o plan de prevención", unha das principais demandas do movemento. 

Así as cousas, sinalan como unha "mágoa" os "anos perdidos" e "as propostas rexeitadas" até o momento. Así pois, sinalan que como colectivo "imos ver cara onde se quere ir dende a Consellería e cal é o seu grado de xenuíno compromiso máis alá das circunstancias electorais". Entretanto, acrecentan, "felicitémonos". 

Badaladas

Nos últimos meses o Movemento Galego de Saúde Mental veu desenvolvendo unha campaña de concienciación social e visibilidade dos suicidios denominada 'Badaladas pola prevención'. Através do son dunha campá quixeron dar a coñecer á sociedade o feito de que as mortes por suicidio no noso país duplican aquelas acontecidas por accidentes de tráfico. 

Na última sesión de control ao presidente a deputada do Grupo Mixto, Chelo Martínez, preguntou o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, por esta cuestión sinalando o incremento das cifras de suicidio recollidas polo INE e o IMELGA durante os anos de maior crise económica. Feijóo limitouse a dar conta da existencia de países, como Francia ou os EUA, nos que a taxa é superior que na Galiza e recriminoulle á parlamentar estabelecer unha correlación entre as dificultades económicas e o suicidio. Segundo o presidente, a OMS recoñece que a maior parte das persoas que deciden quitarse padece "trastornos mentais".