A Xunta convoca os concellos afectados pola seca do río Lérez

A escaseza de auga obrigou a paralizar a actividade de Ence. (Foto: Nós Diario)

Sanxenxo non acudirá ao encontro previo convocado polo Concello de Pontevedra por "falta de confianza" co Goberno local.

A Xunta da Galiza vén de convocar diferentes municipios das comarcas de Pontevedra e O Salnés —Pontevedra, Poio, Marín, Bueu, Sanxenxo e Ponte Caldelas— a unha reunión "urxente" para tratar a situación de "prealerta por escaseza" da conca do río Lérez.

Esta xuntanza, que decorrerá esta cuarta feira entre os concellos e Augas da Galiza, ten por obxectivo, di o Goberno galego, "garantir a máxima coordinación, ordenación, cooperación e colaboración" entre os municipios que se abastecen do sistema de augas de Pontevedra, logo de que a pasada semana a Oficina Técnica da Seca elevase ao nivel de prealerta por escaseza a situación na zona.

A través dun informe a entidade ditaminou que as temperaturas "anormalmente" elevadas e a falta "prolongada" de choiva provocaron que a situación se agravase. Aliás, a non existencia na conca do río de reservas de augas embalsadas podería "comprometer" o abastecemento.

A delicada situación obrigou na pasada quinta feira a paralizar temporalmente a actividade da fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra), "até que se normalice o caudal do río".

Naquela xornada a Oficina Técnica da Seca fixo saltar as alarmas ante a diminución do caudal medio do río Lérez en perto de 75% en menos de 20 días.

Sanxenxo non asistirá ao encontro previo

Con todo, o Concello de Sanxenxo avanzou a través dun comunicado que non asistirá á reunión convocada para esta terza feira polo Concello de Pontevedra por "falta de confianza" co Goberno local, ao que acusou de "aproveitar a seca para sinalar culpábeis no canto de buscar solucións".

O comunicado do Goberno de Sanxenxo chega despois de que a concelleira pontevedresa do Ciclo da Auga, Carme da Silva, sinalou que Sanxenxo quería "pagar o que lle dá a gana pola auga e non ao prezo que custa". Así, advertiu que o Concello de Sanxenxo licitará o abastecemento de auga a 0,1 euros por litro, moi por baixo das estimacións do custo real, precisou Da Silva.