Quecemento global

A Xunta, convidada pola multinacional Suez, presenta a súa lei de prevención da seca en Madrid

O encoro de Chandrexa de Queixa (Terra de Trives) durante unha recente seca [Europa Press]

A empresa francesa, que opera principalmente nos sectores de tratamento de aguas e xestión de residuos, organiza un ciclo de debates aproveitando a organización da COP25.

Esta segunda feira, 2 de decembro, comeza en Madrid a 25ª Conferencia das Partes da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP 25). Unha xuntanza clave para o futuro do planeta na que participarán máis de medio centenar de xefes de Estado e de Goberno.

Aproveitando esta situación, a multinacional francesa Suez, que opera principalmente nos sectores de tratamento de aguas e a xestión de residuos, organiza un ciclo de debates na capital española.

É neste marco que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, viaxará a vindeira terza feira a Madrid para presentar o proxecto de lei autonómico de prevención fronte á seca.

Canda a titular da Xunta, tamén viaxarán a este ciclo de debates do Grupo Suez a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade pública, Gonzalo Mosquera.

Entre os temas a tratar, segundo informou o gabinete de prensa da Administración, está o anteproxecto de lei de creación dunha sociedade pública autonómica de xestión do ciclo da auga, que a Xunta demonima «a Sogama da auga».