Sanidade espera que a maioría da poboación maior de 14 anos estea vacinada en outubro

Vacinación de persoas menores de 30 anos na Cidade da Cultura. (Foto: Arxina).

O avance da inmunidade contra á Covid dos grupos de idade máis novos dependerá do volume de doses que cheguen á Galiza. A Xunta espera ter vacinada a maioría da poboación maior de 14 ou 15 anos en outubro.

O proceso de inmunización fronte á Covid-19 avanza na Galiza. Máis de 72% da poboación diana xa conta coa pauta completa, o que supón 1.778.099 persoas inmunizadas.

Ademais, recibiron polo menos unha dose 1.632.485 persoas maiores de 40 anos, que representan un 94,9% de 1.720.101 susceptibles de vacinarse.

Vacinación da pobaoción moza

Mentres se estende a vacinación ao grupo de idade de entre 20 e 29 anos, o que acumula maior incidencia do coronavirus na Galiza, cuxa primeira dose xa recibiron perto de 72.500 persoas,  e se axiliza a inmunidade da poboación de entre 16 e 22 anos mediante o sistema de autocita, o Goberno galego comeza a facer as primeiras estimacións de cara ao inicio de curso escolar.

Así, sobre se os escolares poderán acceder ás aulas en setembro xa vacinados e se isto afectará a unha relaxación dos protocolos de medidas de seguridade, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou nunha entrevista concedida a Europa Press que o ritmo de avance na inmunidade dos grupos de poboación máis novos dependerá das vacinas que reciba Galiza, mais adiantou que no outono xa haberá estudantes de instituto vacinados.

Maiores de 15 anos

"Que pensamos que en outubro poderiamos ter á maioría de poboación vacinada cunha ou dúas doses de 14 ou 15 anos para arriba? Si, é o que pensamos", afirmou o presidente galego, quen non se atreve a fixar unha data para que se poida dar por asegurada a inmunidade colectiva no conxunto do territorio, que a comunidade experta xa sitúa en 90 ou 95% de persoas inmunizadas.

Todo vai depender das vacinas, dixo. Así, se hai máis doses e en agosto "empezan a chegar" as vacinas de Pfizer comprometidas por Sánchez as previsións poderían empezar a mellorar e "moverse algunhas semanas", asegurou.

Variante Delta

Núñez feixoo cualificou de "erro, precipitación e frivolidade" que o Goberno falase "dunha inmunidade no 70%" e volveu apelar á prudencia, sobre todo entre os máis novos. "Os médicos fálannos da enorme intensidade da variante Delta e de que ninguén pode asegurar que nas próximas semanas non haxa variantes aínda máis agresivas e contaxiosas", aseverou.