A Xunta, condenada a pagar xuros polos helicópteros nas emerxencias

A condena encádrase no contrato de traslados en emerxencias entre 2009 e 2013 coa empresa de helicópteros.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza –TSXG– acaba de sumar 33.600 euros á factura da Xunta á empresa Babcock, a antiga Inaer, pola demora dos pagos no servizo de helicópteros da Axega –a Axencia Galega de Emerxencias– destinados a emerxencias, rescates e atención sanitaria. 

Trátase da empresa que até 2018 tiña o contrato para este tipo de traslados, despois de que a Xunta lle vendese, no ano 2012, os seus helicópteros de salvamento.

A sentenza inclúe na suma 4.051 euros, que a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza si aceptou pagar, polo mesmo concepto, e recolle outros 9.250 euros máis por atrasos nos pagamentos que, neste caso, deberán ser reclamados á Fundación Pública de Urxencias Sanitarias Galiza 061, ente que en decembro de 2013 asumiu a xestión dos servizos aéreos destinados a estas tarefas. En total, a factura ascenderá a 42.842 euros.

Estes derivan do pagamento tardío das facturas vinculadas ao contrato do servizo de helicóptero para emerxencias asinado en 2009, cuxo prazo inicial era de catro anos, pero que sufriu sucesivas prórrogas durante 14 meses máis.

A empresa seguiu prestando o servizo do traslado nas emerxencias galegas até o ano pasado, no que o perdeu en favor da empresa Habock –na actualidade, Eliance– após un tortuoso proceso de contratación no que a adxudicación foi anulada en dúas ocasións por recursos da compañía saínte. O contrato en vigor, por catro anos, ascende a 9.081.800 euros.

A Xunta invocaba a prescrición de débeda, mais o tribunal descártao

Neste caso, e segundo se recolle na resolución da sala do contencioso administrativo do alto tribunal galego, o conflito deriva de facturas anteriores a xuño de 2013. A Xunta tiña, até 2012, un prazo de 40 días para o pago, que pasaron a ser 30 días desde xaneiro de 2013. Como se constata no ditame, no pago tardío das facturas a Administración non fixo o aboamento dos intereses correspondentes. 

Para rexeitar o pagamento, a Consellaría de Presidencia argumentou que as reclamacións dos xuros estaban prescritas, un argumento que non aceptan os membros do tribunal. Porén, si admite a argumentación en relación ás facturas posteriores ao ano 2013, aínda que só no referente ao organismo no que reclamar eses xuros. Tal e como fai constar na resolución, en setembro daquel ano asinouse un traspaso entre a Consellaría na que estaba adscrita a Axega –Presidencia– e o Sergas, que asumiu a xestión dos servizos aéreos destinados a emerxencias, rescates e atención sanitaria. A finais dese mesmo ano subscribiuse o acordo para a modificación do contrato do servizo de helicópteros para estes traslados entre a adxudicataria e a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias Galiza 061. Ese contrato é o que leva o tribunal a excluír nesta sentenza os intereses das seis últimas facturas en litixio, "xa que a Fundación ten personalidade xurídica propia, polo que, téndose subrogado as obrigas derivadas dos contratos, –a empresa recorrente– deberá dirixir a pretensión fronte a ela".

Desta maneira, estimando a demanda promovida pola antiga concesionaria dos traslados en helicóptero, a sentenza  condena a Xunta a pagarlle os 33.612 euros por intereses de demora, aos que se lle deberá sumar a mora procesual, deixando patente que a Administración "tivo vontade de non facerse cargo da reclamación".  

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube