A Xunta, condenada a lle devolver o salario descontado a unha docente durante unha baixa médica

Edificio da consellaría [SG]

Após ficar de baixa unha semana ao se someter a unha cirurxía menor, a consellaría de Educación recortou en 168 euros a retribución da mestra. Unha sentenza obriga o departamento a recuar.


A consellaría de Educación terá que devolver os 168 euros que descontou a unha profesora após solicitar esta unha baixa médica derivada dunha operación cirúrxica. Así o dispón a sentenza xudicial que dá a razón á docente, quen alegou que o recorte salarial se lle estaba a aplicar fóra da Lei 1/2012, que impón os descontos por baixas médicas.

No concreto, o departamento que dirixe Jesús Vázquez fixo valer unha instrución interna que non ten rango de lei e que foi ditada pola propia consellaría. Nela recoñécense como intervención cirúrxica unicamente as incluídas na carteira de servizos do sistema sanitario público. A lei non estabelece cales son as doenzas que dan dereito a cobrar o 100% do salario e cales non, mais si estabelece tres excepcións ao recorte: as hospitalizacións, as intervencións cirúrxicas e as baixas por maternidade/paternidade. 

CIG-Ensino, cuxos servizos xurídicos levaron o caso desta docente, ven na actuación da consellaría "un claro afán recadatorio" e exixen que non se "castiguen" @s empregad@s públic@s por padeceren unha doenza, instando a que se derroguen os apartados da Lei 1/2012 que reducen o salario d@s traballador@s con baixa médica.