Xunta e Concello de Moaña danse a man na campaña sexista que promociona a pasarela de moda do Morrazo

Cartaz da campaña. Na marxe esquerda, os logos da Xunta e do Concello de Moaña

A comisión de mulleres do BNG esixe a "inmediata" retirada da publicidade, así como responsabilidades políticas polo apoio que estas institucións públicas prestaron a un evento cuxo cartaz ''atenta contra a dignidade das mulleres''


"Se no ano 2013 alguén ve nesta imaxe algo ofensivo ten un problema", dixo o fotógrafo Jacobo Gayo, responsábel da imaxe escollida pola Federación de comerciantes e industriais do Morrazo (Fecimo) para publicitar a segunda edición da pasarela de moda Amodiña, finanzada polo Concello de Moaña e pola Xunta de Galiza.

Sobre esta publicidade, da cal o BNG reclamou responsabilidades políticas a ambas as dúas institucións públicas, así como a retirada "inmediata" da campaña por "sexista, machista e que emprega o corpo da muller para exhibición como reclamo publicitario", o seu responsábel, Gayo, di que se trata dunha imaxe "impactante", "artística" e "inspirada no cine dos anos 80 e 90". 

Así as cousas, o cartaz mostra o cú dunha muller vestida cun pantalón deportivo curto axustado dun verde rechamante e cunhas letras que anuncian o certame. Após ollar o trailer publicado obsérvase que a fotografía foi tomada na praia, durante unha partida de voleibol entre varias mulleres. Gayo defende a súa obra elevándoa á categoría de "propia dunha produción de moda profesional" polo estilo, as cores e os retoques, e asegura que recibiu "os parabéns de compañeiros do sector".

Responsabilidades políticas

Porén, a responsábel da comisión de mulleres do BNG no Morrazo, Iria Aboi, reclamou o pronunciamento da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, para que explique o apoio que o Goberno galego deu a esta campaña "que denigra a imaxe das mulleres". Aboi exixe que se retire a publicidade en todos os seus formatos "polo impacto negativo que esa imaxe vexatoria ten na sociedade, especialmente entre a xente nova". 

Para a formación frontista é "gravísimo" que tanto o goberno local como a Xunta de Galiza "colaboren" en campañas "que atentan contra a dignidade das mulleres, no canto de traballar activamente para eliminar as discriminacións que aínda perviven na nosa sociedade". Polo mesmo, chaman ás asociacions de comerciantes que fan parte da Fecimo, así como a colectivos feministas e de mulleres a se queixaren desta publicidade, reclamando a súa retirada.