O galardón recoñece a "excelencia académica" do alumnado

A Xunta concede o Premio Extraordinario de Fin de Carreira a 74 estudantes

Unha estudante universitaria, tomando apuntamentos (Foto: Xunta da Galiza).
Dúas de cada tres premiadas foron mulleres.

O Goberno galego concedeu hoxe os Premios Extraordinarios de Fin de Carreira a 74 estudantes graduadas ao longo do curso 2018-19 nalgún dos campus das tres universidades galegas.

30 das premiadas pertencen á Universidade de Santiago de Compostela; 27, á Universidade de Vigo, e 17, á Universidade da Coruña.

Este ano, 66% das premiadas foron mulleres (49), a mesma cifra que na entrega de premios de 2020, mais naquela ocasión foran 20 os homes premiados fronte aos 25 deste curso.

Máis de 330.000 euros en premios

O galardón conta cunha dotación económica de até 3.500 euros, en función dos resultados de cada alumna. En total, a Xunta investiu 339.500 euros en premios para este certame ao que puideron presentarse as estudantes cunha puntuación media no seu expediente igual ou superior a 8,5 puntos, para o alumnado das ramas de Artes, Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias Naturais e Ciencias da Saúde; e 7,5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

A través destes galardóns, a Xunta da Galiza recoñece “o traballo, esforzo e excelencia” destas estudantes.

Por titulacións, as de Administración e Dirección de Empresas e Educación Primaria acaparan o maior número de galardóns (5), seguidas de Dereito, Educación Infantil e Enfermaría (4).

O número de premios está determinado polo número de persoas graduadas na mesma titulación. Deste modo, aqueles graos con até 199 graduadas optan a un premio; as que teñen entre 200 e 299, a dous; entre 300 e 399, a tres; entre 400 e 499, a catro; e as que teñen 500 ou máis, a cinco galardóns.