A Xunta concede as axudas á normalización cando só fican 20 días para o remate do curso

A Consellaría de Educación publicou a pasada sexta feira a resolución pola que concede axudas aos proxectos de fomento da lingua nos centros públicos do país. A CIG-Ensino critica as cantidades “raquíticas” e denuncia que se difunda esta resolución “cando só faltan 20 días para rematar o curso”.

O DOG facíase eco esta sexta feira da resolución da Consellaría de Educación pola que concede axudas a proxectos que fomenten o uso do galego. A CIG denuncia o “desleixo inmenso” da Xunta pola lingua, dadas as “axudas raquíticas” e por anuncialas cando apenas fican 20 días para que remate o curso.

“Non doutro xeito se pode cualificar a teimosía con que insiste en convocar unhas raquíticas axudas durante o segundo trimestre do curso, axudas que non se resolven até estar avanzado o terceiro trimestre”, sinala a CIG-Ensino a respeito do anuncio publicado no DOG.

O sindicato nacionalista advirte de que as axudas, que pertencen ao curso escolar 2015-2016, deberían publicarse no inicio do curso e deberían resolverse, como moi tarde, no inicio do segundo trimestre. Tamén apunta á necesidade de aumentar a contía para que estas axudas “signifiquen unha dotación real e efectiva para o desenvolvemento de actividades nos centros”.

Redución de máis do 60% desde que goberna Feijóo

De feito, os centros de ensino público viron caer máis do 60% os orzamentos destinados á normalización desde que Alberto Núñez Feijóo é presidente da Xunta. “Pouco, moi pouco, poden facer os centros cunha axuda que oscila entre os 300 e os 350 €. Estamos falando dunha cifra que apenas acada o importe dun autobús para acudir a unha actividade normalizadora, por pór  un exemplo”, subliña a CIG-Ensino.

"A Consellaría sabe que os equipos non poden programar as actividades sen coñecer a contía das axudas, de aí a súa tardía publicación", advirte a CIG-Ensino

A CIG-Ensino afirma que “estamos ante un sutil mecanismo de paralización do importante labor dos equipos de normalización. A Consellaría sabe que os equipos non poden programar as actividades sen coñecer a contía das axudas, de aí a súa tardía publicación, e sabe tamén que a súa continua redución é un importante impedimento para deseñalas e desenvolvelas”.