A Xunta comeza a minguar os puntos de tests antíxenos gratuítos e deslocalizados

O debate sobre a 'gripalización' da Covid mantén no aire o futuro das probas diagnósticas (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).
O servizo decaeu nos tres aeroportos e na estación de tren de Compostela

Desde o inicio da pandemia a Galiza suma 3.582.680 probas realizadas para detección do coronavirus SARS-CoV-2. Destas, 1.433.033 corresponden a tests de antíxenos, segundo revela o último informe divulgado pola Consellaría de Sanidade con datos até as 18 horas da quinta feira.

Nas últimas horas computadas, persoal sanitario do Sergas realizou 6.643 probas PCR perto de 6.800 tests de antíxenos, cunha taxa de positividade que supera 19%, moi por riba do limiar de 5% fixado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

En todo o territorio, a Xunta mantén 25 puntos fixos abertos para que a cidadanía poida realizar probas diagnósticas de balde. Antíxenos, xa que as PCR requiren prescrición médica.

Desde que o Goberno galego anunciou a apertura destes puntos deslocalizados ante a presión de Ómicron, a saturación dos centros de saúde e o incremento da demanda por parte da poboación, na recta final do ano pasado, o número de postos minguou. "Cada vez hai menos inscricións e acode menos xente", confirman fontes sanitarias a Nós Diario.

Nos primeiros días de xaneiro Sanidade dispuxo máis dunha trintena de puntos fixos e unha vintena de cribados itinerantes.  Esta semana, só a área sanitaria de Ourense promoveu dous cribados ambulantes no Carballiño e Allariz baixo demanda previa. A maiores mantén tres puntos fixos de segunda a sexta en horario de tarde no Espazo Xove, en Ourense, mais nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras.

Na área sanitaria da Coruña e Cee hai catro espazos habilitados en horario de tarde: o covidauto instalado ao carón do centro de saúde do Ventorrillo, na Casa da Cultura de cee, no edificio Forum de Carballo e na estación de tren da Coruña. A área de Santiago e o Barbanza realiza probas de antíxenos sen necesidade de autocita na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, no Lalín Arena, no antigo centro de saúde de Melide e no local da Cruz Vermella de Noia de 11 a 18 horas, ademais de no Hospital do Barbanza e no Auditorio Vidal Bolaño no Campus Sur da USC, en Compostela, en horario de tarde.

Os viaxeiros que pasen pola  estación de tren da cidade xa non teñen a ocasión de facer unha proba gratuíta, un servizo que a área sanitaria de Vigo mantén activo nas estacións de Urzáiz e Guixar, en horario partido de mañá e tarde.

Adeus aos aeroportos

A perda de postos de antíxenos afecta sobre todo ás comarcas e aos cribados itinerantes, así como aos tres aeroportos galegos onde as persoas viaxeiras xa non dispoñen de tests específicos.

A área de Ferrol dispón dun único punto de libre acceso na cidade, de segunda a domingo de 15 a 21 horas, na ludoteca da praza de España; mentres que a área de Pontevedra e o Salnés ofrece tres espazos de diagnóstico que requiren inscrición previa. Están abertos  os sete días da semana en horario partido de mañá e tarde, no recinto feiral de Pontevedra, no auditorio de Vilagarcía e no museo Manuel Torres de Marín.

Por último, a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte conta sete puntos abertos noutras tantas localizacións, de libre acceso, mais restrinxidos a días e horarios determinados. O espazo da Delegación de Sanidade en Lugo está dispoñíbel segunda, cuarta, sexta e sábado de 15.30 a 20.30 horas. A Casa do Mar de Burela, de segunda a sábado de 12 a 18 horas. Ademais, mantén a posibilidade de realizar antíxenos en días soltos ou alternos nas localidades de Sarria, Ribadeo e Viveiro, así como no Hospital de Monforte de Lemos nas tardes das sextas feiras.

A diagnose, chave para o futuro da pandemia

A irrupción de Ómicron ás portas do Nadal acelerou a transmisión da Covid e motivou unha mudanza no uso e consideración dos antíxenos, que desde finais de ano son válidos para dar conta dun positivo sen PCR de confirmación. Volvéronse esenciais para o diagnóstico, e aínda máis para o autodiagnóstico, o autorastrexo e o autocoidado en plena controversia sobre a posíbel 'gripalización' da Covid. A falta de saber ben que significaría dar este paso, a comunidade experta anticipa que a chave está no uso do diagnóstico para illar ou non en función da transmisión e a gravidade.