A Xunta cifra en 9.500 os niños de velutina retirados no que vai de ano

Unha trampa para a vespa velutina, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

As chamadas rexistradas no que vai de ano alertando destes niños son un 23% menos que en 2020 debido, segundo segundo a Xunta, ao efecto dos 'trampeos' primaverais que impiden a formación de milleiros de niños,

A directora de Administración Local da Xunta, Natalia Prieto, avanzou esta cuarta feira no Parlamento galego que no que vai de ano foron retirados máis de 9.500 niños de avespa velutina no marco do Plan de loita contra esta especie acordado entre a Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). 

A directora xeral explicou que o pasado marzo foi renovado o encargo a Seaga co obxectivo de continuar ofrecendo unha solución homoxénea en todas as zonas afectadas e acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización de niños de velutina ao longo deste 2021.

A Xunta xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control da avespa asiática para minimizar o seu impacto e o ano pasado puxo en marcha en colaboración coa Fegamp unha actuación para o territorio galego, a través da cal o Goberno galego asume a retirada dos niños dos concellos adheridos no marco da encomenda á empresa Seaga. A empresa conta cun equipo de coordinación que organiza aos efectivos de intervención aos que a Xunta dotou dos medios necesarios para levar a cabo os operativos coa máxima seguridade.

O número de chamadas máis elevado no que vai de 2021 recibiuse no verán acadando o máximo no mes de agosto, con case 6.300 avisos

Natalia Prieto indicou que, ao igual que o ano pasado, a alerta da presenza de niños de vespa velutina prodúcese coa chamada dos cidadáns ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, desde onde se contacta co axente encargado de atender ao aviso para determinar a actuación que procede segundo cada caso.

Cómpre destacar que, como xa ocorrera o ano pasado, o número de chamadas máis elevado no que vai de 2021 recibiuse no verán acadando o máximo no mes de agosto, con case 6.300 avisos, o que supón case o 40% dos máis de 17.230 avisos recibidos desde o inicio de ano.

Do total dos 17.236 avisos recibidos, ademais dos máis de 9.500 retirados, 1.976 correspondíanse con niños inactivos, en case 3.000 non procede actuación por tratarse doutras especies ou non visualizarse de forma directa e en case 780 tratábase de avisos duplicados xa comunicados por outros cidadáns.

As chamadas rexistradas no que vai de ano son un 23% menos que en 2020 debido, segundo explicou Natalia Prieto, ao efecto dos trampeos primaverais que impiden a formación de milleiros de niños e que o ano pasado non se puideron realizar por mor do confinamento derivado da pandemia do coronavirus.