A Xunta cifra en 49.171 hectáreas a superficie que ardeu na vaga de lumes

Manuela, Ramiro e Vidal esta semana en San Martín de Cereixedo (Cervantes).

A Xunta de Galiza cifra en 49.171 hectáreas a superficie queimada durante a vaga de lumes. No que vai de ano, arderon máis de 61.000 hectáreas de monte, catro veces máis do obxectivo definido polo Pladiga. As cifras constatan un fracaso. E antes están as vítimas, as mortes (catro), as perdas dos gandeiros e dos agricultores, o terríbel impacto ambiental do que ninguén fai cálculos porque é incalculábel. 

Vinte días despois da vaga de lumes que asolou a serra do Galiñeiro, o Parque Natural do Xurés, montes no Macizo Central ourensán e nos Ancares en Cervantes, e puxo en risco a milleiros de veciñas e veciñas en poboacións de Pontevedra, Ourense e Lugo, obrigando a evacuacións, con perdas materiais e causando danos graves na fauna e na flora do castigado ecosistema rural galego, a Xunta de Galiza fixo pública onte a estimación oficial do territorio afectado. Segundo o goberno galego, víronse afectadas 49.171,5 hectáreas durante esa vaga –da que non se precisan datas, pero si o número de lumes contabilizados: 264–, cun 53% de superficie arborada e un 47% rasa. Na provincia de Ourense perdéronse 22.623 hectáreas; en Pontevedra, 20.085; en Lugo, 5.734 e menos de oitocentas na Coruña. 

 

A Xunta non informa sobre as perdas en cada un dos sinistros. Tampouco sobre os rexistros da dirección de extinción en cada un deles. Rexistros que conteñen datos sobre as horas de inicio, a evolución, os medios de extinción empregados ou as alertas decretadas, entre outras incidencias. Eses datos evidenciarían as dimensións do fracaso. 

 

Os datos con información concreta de cada un dos lumes deixaron de publicarse o mesmo domingo día 15. A semana seguinte, utilizando imaxes de satélites para establecer o perímetro dos incendios, colectivos de axentes forestais publicaron unha estimación dos sinistros máis importantes. A imaxe do Sentinel II do 17 de outubro revelaba unha superficie queimada de 9.550 hectáreas nun percorrido de máis de vinte quilómetros desde Pazos de Borbén a Cotobade. Na provincia de Pontevedra medíronse 3.914 hectáreas no lume das Neves que entrou desde Portugal onde arrasou unha superficie case igual; e máis de mil catrocentas en cada un, nos incendios de Gondomar e de Ponteareas. Na provincia de Ourense, no Xurés, onde levaba ardendo desde a fin de semana anterior, queimáronse outras 3.634 hectáreas entre o venres e o domingo da vaga de lumes. O sinistro de maiores dimensións arrasou 5.777 hectáreas entre Melón, Carballeda e Leiro ao longo de case dez quilómetros. Na área do Macizo Central, os distintos lumes sumaron máis de 7.500 hectáreas. En Lugo, nos Ancares, dous lumes queimaron unhas 2.700 hectáreas en Cervantes.

 

“Tiñan que se ter lembrado antes de nós”
Ramiro ten 46 anos. Vive en San Martín de Cereixedo, unha aldea dos Ancares lucenses rodeada polas cinsas. Esta terza feira, dúas semanas despois do gran lume que empezou na Freita, unha aldea no val ás costas da montaña de enfronte e que atacou San Martín por dous lados: por arriba, pola ladeira da que pendura a aldea, e desde adiante, pola corga que a separa de Noceda, Ramiro coida das vacas e espera axuda doutros gandeiros de fóra do concello de Cervantes que empezaron a enviar camións con fardos de palla que malamente chegan até aquí polas estradas estreitas.

 

Están descargando en Noceda, xunto a casa de Cris, porque non poden ir máis arriba polas curvas. Cris ten vinte anos e quedou na casa preparando as mangueiras mentres a nai e o pai subían o domingo á montaña de enriba da aldea para axudar a dúas motobombas e uns cantos bombeiros que esperaban polo lume subindo desde A Freita e ameazando tamén desde o sur. “A nai chamoume polo móbil e díxome que me fora preparando porque as lapas ían moi rápido”. Cris nunca viu un lume igual, pero tampouco os máis vellos. Os helicópteros (dous) non podían entrar polo fume e para cargar auga tiñan que dar toda a volta a montaña. O das motobombas foi peor: tiveron que baixar até Doiras, 7 quilómetros por esas curvas… E iso que Cris xa llo advertira ao alcalde. “A miña avoa vive en San Román e moitas veces llo teño dito ao alcalde. Hai que pór puntos de carga. Na cima enriba da miña casa estaría ben porque desde alí dominas toda a contorna. E puntos de auga. Houbo xente, os que teñen tractor con cisterna, levando auga para as motobombas”.

 

Esta cuarta os tractores descargan fardos alí en Noceda. Miguel, que estivo en todos os lumes porque traballara en incendios e coñece a zona e chamárano, anda orientando un dos tráiler cos fardos. “Viñeron nove xa, onte a Donís, onde o outro incendio; hoxe aquí. Na contorna haberá uns trinta veciños con explotacións, moito gando”. Os fardos veñen da asociación Agromuralla, gandeiros solidarios. 

 

Andan por aquí outros camións, os que traen a palla para empezar a cubrir áreas queimadas. Son os que manda a Xunta. Hai empresas que xestionan brigadas de incendios que tamén xestionan as reparacións dos incendios. “Nós aquí non tiramos nada, pensa que os gandeiros estamos para tirar?”, pregunta un dos que trouxeron o tráiler até Noceda.

 

Ramiro conta que perdeu oitenta fardo no lume do domingo 15, que chegou a Garda Civil e mandaron saír á xente das casas e evacuar a aldea. El meteu as vacas, dez cabezas, na corte e os cans ficaron alí dentro asustados. Algunhas vacas teñen pezuños chamuscados. O palleiro non ardeu malia que caeron follas ardendo. Os cochos non foron quen de sacalos. Tamén seguen vivos. Na aldea son catro veciños. El, Manuela, o home de Manuela e un irmán de Manuela.

 

Manuela estaba na cama. Serían as nove da noite. “Veu meu home, veu e dixo que ardía todo que tiñamos que marchar. Fomos para Doiras, había máis xente doutras aldeas, pasamos a noite alí. De nove a nove alí abaixo con moito frío”. Hoxe Manuela bota man do seu irmán Vidal que xa non vive na aldea pero veu até aquí porque quedara co rapaz da grúa para que retire o coche. “O coche estaba na entrada da aldea e ardeu porque aquí non había ninguén con carné para sacalo de alí”. Vidal e Manuela tiveron outros seis irmáns. Vidal ten un fillo en Barcelona. El está nunha residencia en Baralla. Perdeu o coche. Asina os papeis e pregunta ao rapaz da grúa para onde leva o carro queimado. “O luns despois do incendio subín até aquí a esta hora [son as catro] e seguía sendo noite”, di o rapaz que leva o coche para Lugo. “Xa que baixa, lévame até onde as vacas”, di outro irmán de Vidal que sostén a vara de conducir o gando e viviu toda a vida na aldea. Manuela e Vidal estiveron na emigración uns anos e volveron. Pero xa non queda ninguén na familia que se acorde da aldea. Non naceron alí. 

 

“Mire como esta todo. Agora onde topas un toxo?”, pregúntase Ramiro mentres espera polos fardos solidarios e mira para Manuela e Vidal. E os tres sinalan a casa de Toño na seguinte aldea, no Pando. Ardeu a casa e Toño está enfadado. Conta Cris que non quere a axuda das veciñas e veciños porque non quere quedar a deber. Pero Cris e outros mozos pensaron en recadar fondos cunha festa e mesmo pensaron en convidar a Sés para que veña e cante. Queren facela o día 11 e que Toño acepte os cartos. “Si, os da Xunta viñeron por aquí e dixeron que botarían unha man… pero tiñan que se ter lembrado antes de nós”, laiase Ramiro, 46 anos en San Martín de Cereixedo, unha aldea de catro veciños rodeada polo lume, o último gardián esquecido dun territorio que pronto quedará libre. Como queren os que plantan os lumes.

 

As imaxes no corpo do texto corresponden: 1. Vista de San Martín de Cereixedo desde Noceda. 2. Descarga de fardos en Noceda dun dos envíos de Agromuralla esta terza feira. 3. Veciños asisten á retirada do coche queimado en San Martín, o mesmo día.