A Xunta cancela a tarxeta axuda que beneficia máis de 35.000 familias vulnerábeis

A partir de hoxe milleiros de galegas e galegos en situación de vulnerabilidade económica fican sen o soporte que supón a Tarxeta Básica da Xunta, unha medida activada en 2020 no marco da pandemia pola Covid e que facilitaba unha axuda económica para a compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia. En plena crise pola suba de prezos e a inflación disparada, a Xunta decidiu non renovar esa tarxeta.

A Tarxeta Básica activouse en xullo de 2021 a través dun acordo entre a Xunta e a Cruz Vermella. Eran tempos da crise derivada da pandemia e activábase así unha medida que facilitaba ás persoas e familias vulnerábeis unha tarxeta-moedeiro na que mensualmente se ingresaba un importe —150, 200 e 300 euros, dependendo do número de membros da unidade familiar—. O seu obxectivo era o de prestar apoio na compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia. A Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN) cifra en 35.000 as familias que teñen o cartón que acaba hoxe.

A finais de 2021 a Xunta decidiu ampliar ao primeiro semestre de 2022 a duración desta medida, que finaliza hoxe, 1 de xullo, como o propio presidente galego, Alfonso Rueda, recoñeceu onte após a xuntanza do Consello da Xunta, a preguntas dos medios. "Foi unha medida excepcional na pandemia. Finalizada a excepcionalidade, finalizada a medida", dixo, para apuntar que na Galiza hai outras ferramentas  de emerxencia social, e citou a Risga, Renda de Integración Social.

Prezos

Porén, a crise derivada da escalada de prezos e carestía colleu o relevo da crise da pandemia.  Os prezos de produtos básicos —aqueles para cuxa adquisición naceu a tarxeta— están agora moi por riba dos de hai dous anos e mesmo dos do ano pasado. Así, a propia Organización de Consumidores (OCU) indica que a suba no prezo do aceite de marca branca foi de 53%, nos ovos de 21%, no pan de 10% e no leite de 13%. A carne de vacún é agora 11% máis cara e a de ave, 12%. "A tarxeta foi unha moi boa medida, un éxito na loita contra a pobreza e non entendemos que se quite", confesa a  Nós Diario Xosé Cuns, da Rede Galega contra a Pobreza. A inicios desta semana, concellos como o de Oleiros denunciaban a supresión da tarxeta a usuarios de forma anticipada.

Residencias

Na súa comparecencia após o Consello da Xunta, o presidente galego tamén se pronunciou, a preguntas de Nós Diario, sobre a negativa a apoiar o novo modelo estatal de residencias.

"Houbo varias comunidades que nos opoñemos", lembrou Rueda, incidindo en que esta norma —que fixa un máximo de 120 persoas por residencias—, non se "negociou nin consensuou" e que vai "encarecer os custos e dar peor servizo".

Prevención

Onte, o Consello da Xunta tamén aprobou a sinatura de convenios con entidades sen ánimo de lucro para actuacións de  prevención de condutas aditivas.  Son convocatorias de 2022 a 2025 e as que se destinan máis de dous millóns de euros. Desa cantidade, 400.000 euros proceden do tramo autonómico do 0,7% do IRPF destinado a fins sociais.