A Xunta avanza na medicina non presencial cunha nova aplicación

Mobilización en defensa pola sanidade pública. (Foto: Arquivo)
A Consellaría de Sanidade presentou hoxe unha nova aplicación 'Sergas Móbil' para ampliar as consultas telemáticas

A Consellaría de Sanidade deu un paso máis cara á “telemedicina” coa presentación da nova aplicación Sergas Móbil, que , segundo defende, "facilitará o acceso aos servizos de videoconsultas na sanidade". 

A plataforma ofrece a posibilidade de empregar a tarxeta sanitaria de forma virtual, xa que terá o mesmo valor que a física,  e  acceder aos servizos de videoconsulta con facultativos de atención primaria ou hospitalaria, sendo estes profesionais os responsábeis de prescribir as consultas. Ademais, permite consultar as citas, solicitar a súa quenda, acceder ao historial clínico e ao resultado de probas, así como a medicación activa do paciente. 

Esta xestión telemática, xunto coa maior utilización das consultas telefónicas, busca recortar a presencialidade nos centros de saúde. Segundo Sanidade, "para evitar a propagación do virus da Covid-19". Ao respecto, Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, considera que a redución de actividade presencial supón “un problema" porque a Atención Primaria é "a porta de entrada ao sistema de saúde e onde se valoran as primeiras decisións sobre a saúde do paciente”, sinala en declaracións a Nós Diario

Martín apunta que “este sistema sumará máis dificultades ás persoas maiores para poder acceder á Atención Primaria" e engade a isto "a falta de recursos no rural”. A aposta da Consellaría creará, a ollos do médico, "un aumento da desigualdade entre a xente nova e os maiores no seu dereito á sanidade pública". 

O 40% das consultas telemáticas

Nunha entrevista con Nós Diario, publicada no Sermos Galiza especial sobre o aniversario da Covid-19, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmaba que antes da chegada da pandemia, as consultas telefónicas representaban en 2020, na Atención Primaria, o 15%, “o obxectivo que nos fixamos".

“Veu a pandemia e esa ferramenta estaba engraxada e ben aceptada por poboación e profesionais”, defendía o conselleiro, “houbo momentos en que chegamos até 85% de atención non presencial en Atención Primaria”, asegurou na conversa. "Xa tiñamos esta ferramenta antes da pandemia e no futuro deberá consolidarse, evidentemente ben usada", defendeu o conselleiro na citada entrevista, onde revelou que pediu ás áreas sanitarias rematar o ano “cunha non presencialidade de arredor de 40%”. 

Sobre este tema, Xosé María Dios, secretario da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega, apunta, en declaracións a Nós Diario, que “a Consellaría non lle pediu opinión á poboación, que defende a presencialidade das consultas, porque queren ver o seu profesional sanitario”.

Esta “estratexia de implantación da medicina telemática é política, e non do cuarto conselleiro de Sanidade que levamos en catro lexislaturas, senón do presidente Feixoo". Advirte de que "leva ao desmantelamento da Atención Primaria e á privatización dos servizos de saúde" e "non ten en conta os problemas que supón para a xente do rural”. 

Dios considera que a Xunta “debería investir xa non só en persoal sanitario, senón tamén en adecuación de medios no rural, para que as condicións telemáticas poidan ser mellores, e en formación, para aquelas persoas maiores que teñan dificultades para poder acceder a este tipo de servizos” en liña.