A Xunta autorizará as verteduras procedentes da mina de San Finx ao río Pesqueiras

Aspecto que presentaba o río Pesqueiras este domingo. (Foto: Nós Diario)

O Goberno galego vén de emitir a proposta de autorización á compañía explotadora do complexo mineiro, condicionada ao cumprimento de 18 requisitos en materia de "calidade ambiental e das augas".

A Xunta, a través de Augas da Galiza, vén de emitir a proposta de autorización de vertedura ao río Pesqueiras —no regacho de Rabaceiros— de augas residuais depuradas procedentes da mina de San Finx, en Lousame, unha proposta que está condicionada ao cumprimento de 18 requisitos, así como das normas de calidade ambiental.

A resolución remítese á responsábel da explotación mineira, a empresa Tungsten San Finx S.L., e aos interesados, para que no prazo de dez días, a contar desde o seguinte da notificación, presenten as alegacións que estimen oportunas para, posteriormente, no seu caso, ditar a correspondente resolución.

A Xunta, informaron nun comunicado, "tramita a autorización desde un escrupuloso seguimento da normativa, para garantir o cumprimento dos parámetros da calidade das augas para a vertedura ao río", de acordo cos procedementos legais estabelecidos na Lei de Augas e nas Normas de Calidade Ambiental. Alén dos condicionantes, Augas da Galiza tamén fixa o prazo de execución das obras correspondentes aos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións, que deberán estar finalizadas no prazo de catro meses.

Condicionantes

Entre os condicionantes máis destacados na resolución áchase a limitación aos caudais de vertedura nas fases de baleirado e na de explotación. En concreto, a fase de baleirado, actividade previa á explotación, debe realizarse en tres fases cunha duración de 494,38 días para o baleirado dun total de 889.885 metros cúbicos.

Na fase de explotación estabelécese o caudal tratado poderá alcanzar un total de 631.836 m3/ano, correspondendo 481.800 metros cúbicos a augas extraídas das galerías e 150.036 metros cúbicos a augas de escorrentía da zona industrial. No tratamento das augas, a resolución recolle todas as instalacións necesarias para que as augas residuais industriais depuradas procedentes da balsa de decantación final garantan a vertedura ao río Pesqueiras cumprindo os parámetros de calidade.

Aliás, a respecto da frecuencia mínima do control, fíxase que este será semanal na fase de baleirado, e mensual na fase de explotación, tanto para as augas residuais industriais depuradas na planta de tratamento da auga da mina, como para as augas residuais industriais depuradas procedentes da balsa de decantación final.

A resolución tamén determina o deber do titular da mina para realizar un seguimento e control do medio receptor e remitir a Augas da Galiza os resultados das análises semanalmente, na fase de baleirado das galerías, e mensualmente na fase de explotación.

O titular da explotación deberá dispor de arquetas ou dispositivos equivalentes para o control e mostraxe dos efluentes, con acceso directo para a súa inspección por parte de Augas da Galiza. Tamén contará con instrumentos para o control en continuo do caudal do efluente da planta de tratamento da auga de mina, así como para o control do caudal da vertedura da balsa de decantación final.