A Xunta autoriza a vertedura de augas residuais en San Finx

Os cursos fluviais próximos ás Minas de San Finx xa foron contaminados polas instalacións. (Foto: Adega)
Colectivos afectados recorrerán a resolución.

Augas da Galiza, entidade pública dependente da Xunta da Galiza, emitiu onte a resolución de autorización de vertedura ao río Pesqueiras de augas residuais depuradas procedentes da explotación mineira de estaño e wolframio localizada no lugar das Minas de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), explotada pola empresa Tungsten San Finx S.L. 

A empresa ten catro meses para finalizar as obras necesarias nos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais xeradas nas instalacións, antes de comezar a verter os máis de 1.500 millóns de litros ao ano durante os cinco anos que autoriza a entidade. 

Augas da Galiza considera que "cunha correcta xestión das medidas de depuración propostas" a vertedura de augas residuais procedentes da actividade mineira "non debería causar afección incompatíbel cos obxectivos de calidade do medio receptor e cos dereitos de terceiros".

Porén, e a pesar de que o documento de autorización da vertedura exixe o tratamento, a análise e o control da calidade das augas emitidas, tamén contempla a posibilidade de que Tungsten San Finx S.L. poida emitir puntualmente verteduras accidentais "en condicións non autorizadas". 

En tal caso, a empresa deberá acreditar ante Augas da Galiza que "adoptou as medidas axeitadas para emendar as causas que o motivaron". E, alén dixo, a autorización de vertedura explicita que Tungsten San Finx S.L. non está eximida da posíbel responsabilidade civil, penal ou administrativa polos "danos que poida causar a vertedura en cultivos, animais, fauna piscícola, persoas ou bens".

"Un xerro de auga fría" para a comarca de Noia

A noticia da autorización das verteduras da actividade mineira caeu como "un xerro de auga fría" no tecido ecoloxista da comarca de Noia e nos colectivos que dependen da pesca e do marisqueo na ría.

Desde a Plataforma en Defensa do Mar de Muros e Noia (Plademar) teñen clara a súa resposta ante o anuncio emitido por Augas da Galiza. "A nosa postura é clara e contundente: totalmente en contra", indica a Nós Diario Pablo Silva, presidente da plataforma. Tamén se mostrou "totalmente cabreado e desgustado" ao coñecer a resolución porque pensa "que isto non vai traer nada bo". "Tiñamos esperanza en que denegaran a petición de vertedura, pero en principio, danlle para diante", engade Silva. 

Contra a resolución emitida por Augas da Galiza poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes a contar desde o día de onte. "Se cabe recurso, recorreremos. Imos esgotar todas as vías e cando se esgoten as vías teremos que mobilizarnos e o que faga falta para loitar até onde se poida", sentenza Silva. 

Os servizos legais dos colectivos aínda están estudando o extenso documento para levar a cabo as accións "máis axeitadas" ante tal noticia. A Agrupación de Marisqueo a Pé da ría de Muros e Noia reúne hoxe a súa Xunta Xeral para analizar a situación, mais coinciden en que se trata dunha "moi mala noticia". "Xóganse aí 1.800 postos de traballo a favor de 19", sinala a agrupación a Nós Diario.

Ecoloxistas en Acción anunciou onte que presentará "de forma inmediata" denuncia penal ao considerar que existen "indicios suficientes" de varios delitos de "prevaricación, malversación e falsidade" nun proceso que leva máis de sete anos en trámite.