A Xunta autoriza en Noitevella máis horas de apertura a bingos e casinos que á hostalería

Imaxe de referenza dunha ruleta nun casino. (Foto: Europa Press)

En 39 concellos. O DOG permite que os establecementos de apostas e de azar abran até as 23:00 horas en municipios coa hostalería fechada ás 18:00 horas.

Os establecementos e locais de xogos e apostas, como casinos e bingos, terán a posibilidade de abrir máis horas en Noitevella, até as 23:00 horas, nun total de 39 concellos galegos nos que, con todo, a hostalería terá que permanecer fechada en atención directa desde as 18,00 horas ese mesmo día.

Trátase dunha excepción que recolle o Diario Oficial de Galiza (DOG) na súa edición bis do  29 de decembro, na cal se publicaron as medidas decretadas pola Xunta tras o comité clínico que presidiu Núñez Feixoo.

Con todo, esta medida con respecto aos locais como bingos e casinos non foi anunciada na rolda de imprensa posterior ao comité clínico que ofreceu o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, nin na do presidente da Xunta tras o Consello da Xunta.

Así as cousas, desde hoxe, restaurantes e bares poderán abrir nos concellos cos dous niveis máis duros de restrición até as 18:00 horas, unha hora máis do que estaba establecido até este momento.

Esta medida coincide co segundo período vacacional do Nadal, pero permanecerá máis aló destas festas, xa que se estudou, dixo o propio Feixoo, que non incidirá nunha evolución negativa da pandemia.

En segundo termo, este punto do DOG con excepcións concretas para Noitevella refírese aos establecementos e locais de xogo e apostas. Todos eles poderán abrir ata as 23:00 horas en todos os concellos galegos, agás os que teñen as restricións máximas, que son: o perímetro Verín-Monterrei-Cualedro-Castrelo do Val; Noia-Lousame; O Grove-Sanxenxo; Cambados; Bueu; Baiona; Rianxo; Ribeira; Boiro; As Pontes; e Viveiro.

Isto significa, ademais, que nos municipios con restricións medio-altas, é dicir, naqueles nos que as reunións están limitadas a catro persoas e teñen a hostalería pechada ás 18:00 horas, si poderán abrir casinos, bingos e salas de apostas e xogos de azar.

O cal se traduce en que este tipo de establecementos poderá abrir en Noitevella até as 23:00 horas en 39 concellos nos que a hostalería permanecerá pechada (salvo para entregas a domicilio e para levar) desde as 18:00 horas. Conforman este conxunto: perímetro Vigo-Mos-Redondela-O Porriño-Nigrán-Gondomar; Pontevedra-Marín-Poio; Ferrol-Narón; Santa Comba-Mazaricos-Negreira; A Guarda-Tomiño-O Rosal; Vimianzo-Camariñas-Zas; Dumbría; Fisterra; Porto do Son; Outes; Muros; Carnota; A Pobra; Carral; Xove; Vilalba; A Rúa; Sarreaus; Xinzo; Barro; Meaño; Vilagarcía; A  Illa; Cangas; e Tui.

Ademais, este horario de apertura estará tamén permitido para os 251 concellos que están en nivel básico de restricións e os que se atopan en nivel medio: A Coruña-Culleredo-Arteixo-Cambre; Santiago de Compostela; Moaña; e Soutomaior.