O sector do ocio nocturno prevé "entre 3.000 e 4.000" festas particulares este Fin de Ano

Imaxe de arquivo dunha celebración pública organizada en Granada. (Foto: Europa Press)
O presidente da Federación de Asociacións de Salas de Festa e Discotecas da Galiza (Fesdiga), Samuel Pousada, prevé un incremento dos contaxios por estas reunións "clandestinas" e casi imposíbeis de controlar.

Non haberá toque de queda nin fechamento de locais nocturnos que impida as citas festivas para despedir 2020. Así o entende o sector das salas de festas e discotecas a Galiza que, dadas as circunstancias prohibitivas na hostalaría, prevé que se celebren “miles” de reunións “clandestinas” despois da hora programada pola Xunta.

O presidente da Federación de Asociacións de Salas de Festa e Discotecas da Galiza (Fesdiga), Samuel Pousada, advirte: “Dispararanse os contaxios”. Avisa do efecto que terán as quedadas ilegais que decorreran esta Noitevella, segundo os datos que ten a patronal.

Lonxe de ficar na casa ou esgotar o tempo até o toque de queda e marchar a respectar as medidas para evitar a expansión do coronavirus, as e os galegos celebrarán a despedida deste 2020. Se por unha parte cabía agardar a redución desta “competencia desleal” aos negocios de hostalaría, Fesdiga pensa que vai suceder xusto o contrario.

Pousada estima que se poderían organizar “entre 3.000 e 4.000 festas clandestinas entre particulares” en Fin de Ano. A media de participantes estudada é de “entre dez e 50 persoas”.

O representante amósase preocupado ante esta dinámica e non só polas perdas ao sector. “Supoñen un grave prexuízo para toda a sociedade porque vanse disparar os contaxios”, insiste.

Como argumento para asegurar que a situación será a que avanzan, lembra os desaloxos nos últimos meses. “É imposíbel controlar todas as festas. A maioría son e van ser privadas, son minoritarios os hostaleiros que incumpren”, defende Pousada.

Ao seu xuízo isto suporá un “atraso da volta á normalidade”. Como fórmula para desanimar a convocar festas as forzas de seguridade farán controis, se ben estes non serán nas casas. Curiosamente, fronte á situación da hostalaría a Xunta condeceu outros permisos de ampliación de horarios.