A Xunta aumenta os concertos en educación especial e FP

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nun Pleno do Parlamento (Foto: Xunta da Galiza).
O gasto total nas escolas concertadas da Galiza rolda os 300 millóns de euros.

O Goberno galego modifica os concertos cos centros docentes privados de ensinanza infantil, primaria, secundaria, educación especial e formación profesional (FP).

Así o recolleu nesta sexta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG), coa publicación orde da Consellaría de Educación que estará en vigor até o remate do curso 2022-23.

No caso da educación infantil, suprímese o concerto completo co CPR Nosa Señora do Carme (O Grove), e redúcese parte dos concertos noutras dez escolas, mentres medra en dúas unidades —cada ciclo educativo— no CPR Plurilingüe Montespiño (Culleredo).

En educación primaria e secundaria obrigatoria, aumentan en seis as unidades mais desaparecen outras nove en diferentes colexios.

No que atinxe á educación especial, increméntanse tres unidades e extínguese o concerto co CEEPR Amencer (Pontevedra). Con todo, estabelécense tres novos concertos co centro ribeirense CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús e os vigueses CPR Plurilingüe Padre Míguez, CEEPR Fogar e Clínica San Rafael e CEEPR Amencer-Aspace.

E na FP, a Xunta aumenta a súa aposta pola educación privada con 18 novos concertos con centros de ensino de todo o país, mais non suprime ningún.

290 millóns de euros

En total, segundo figura nos Orzamentos do presente ano 2021, o gasto na educación concertada supera os 290 millóns de euros —o que supón 10,7% do investimento total en Educación—.

Así, 43,6 millóns destinaranse ás escolas infantís; 213,5, aos centros de educación primaria e secundaria; 11, á ensinanza especial, e 22, á formación profesional. Mais a estas cifras habería que sumar unha partida extraordinaria de 4,1 millóns de euros que a Xunta achegará aos colexios concertados para "gastos derivados da Covid-19".