AFIRMA A CIG

A Xunta aproveita as vacacións para aumentar os fondos públicos para o ensino privado

Imaxe dunha mobilización da CIG contra os recortes no Ensino

O sindicato CIG-Ensino afirma que a Consellaría “dedica unha parte importante do orzamento a financiar centros privados, un financiamento que se incrementa ano a ano”.

 

A Consellaría de Educación publica no DOG desta segunda feira unha orde pola que se modifican os concertos educativos con centros privados. Unha modificación que, denuncia CIG-Ensino, segue a incrementar, “un ano máis”, o número de unidades concertadas con centros privados, incrementando así os fondos públicos para financiar empresas privadas “mentres a Xunta continúa recortando profesorado e negándose a cubrir as demandas feitas polos centros”.

A Consellaría recorre de novo ao mes de agosto, prosegue a central sindical nun comunicado, para facer públicas as modificacións dos concertos cos centros privados, “co obxecto de que pasen desapercibidos ao conxunto da sociedade. E fai isto despois de dar instrucións á inspección educativa para que se continúe recortando profesorado nos centros públicos, fixando uns cadros de persoal para o vindeiro curso en que se pode constatar como a Consellaría, non só non atende as solicitudes dos centros educativos, senón que pretende recortar o xa insuficiente número de docentes”.

Fronte á esta situación na pública, a Consellaría, di a CIG, incrementa o número de unidades concertadas, ampliando os concertos ao 2º curso de FP Básica e mesmo incrementando o número de unidades que xa se incrementaran en anos anteriores. “Sucede así en Educación Primaria, pois a orde publicada hoxe recolle un incremento neto de 5 unidades concertadas máis ca no curso que remata este mes de agosto”. Algo que tamén acontece en FP. En FP Básica incrementan os concertos ao 2º curso, polo que serán 19 unidades concertadas máis ca este curso. Increméntanse tamén as unidades concertadas de FP en dúas unidades, unha delas nun dos centros que discrimina o alumnado por xénero.