Crise dos pellets

Así é o protocolo da Xunta para a recollida dos pellets

Voluntarios recollendo pellets hoxe na praia de Panxón, en Nigrán. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Entre outras cuestións, o documento recomenda o uso de "lentes de protección en caso de utilizar equipos mecánicos e bolsas de lixo xeral".

A Xunta da Galiza publicou esta quinta feira unha serie de protocolos de actuación para a recollida dos pellets da costa galega, tanto para os equipos contratados como para as persoas voluntarias, ademais do documento de solicitude de apoio aos traballos de retirada que poden facer os municipios. As liñas de apoio dispoñíbeis son para a limpeza de areais e para a retirada de pellets recollidos polo persoal do Concello ou por voluntariado.

Neste sentido, as indicacións do Goberno galego sinalan que diariamente o equipo coordinador dos traballos de limpeza e retirada procesará as peticións recibidas a través de calquera das dúas vías e planificará as datas para realizalos. As recomendacións para o persoal contratado e o voluntariado non difiren demasiado e céntranse no material necesario para a recollida.

A Administración galega recomenda levar calzado e roupa adecuada e utilizar luvas, preferibelmente de nitrilo, porque "aínda que non se consideran residuos perigosos", evítanse posíbeis cortes ou punzadas. Na mesma dirección, recomenda o uso de "lentes de protección en caso de utilizar equipos mecánicos e bolsas de lixo xeral".