A Xunta aproba ''con carácter urxente'' as áreas de xestión clínica, microempresas dentro do Sergas

Cc SA-BY Sermos Galiza

Aconteceu no último Consello da Xunta e sen agardar a que Feijóo voltase da súa viaxe a México. @s profesionais da saúde rexeitan este "ataque" que vai "marxinar aínda máis" a atención primaria.

 

Pasaran catro meses desde que anunciaron a súa aprobación, mais desta vez o Consello da Xunta decidiu non agardar nen sequera a que o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, voltase da viaxe que está a facer por México. Na última reunión da equipa de goberno da Xunta, liderada por Alfonso Rueda, foron aprobadas as áreas de xestión clínica, isto é, microempresas dentro do Sergas que se encargarán da microxestión de servizos asistenciais. Dixo Rueda que se porán en funcionamento "de inmediato".

Se até o de agora as organizacións que integran profesionais da saúde se volcaran en rexeitar a xestión clínica, unha vez aprobada non tardaron en alertar do "ataque" contra a sanidade pública que vén de perpetrar o Goberno galego. Após chamaren ás mobilizacións convocadas en todas as áreas sanitarias do País para o 26 de Marzo, a Asociación galega para a defensa da sanidade pública emitiu un comunicado en que alerta de que a decisión do Consello da Xunta contribuirá "a marxinar aínda máis" a atención primaria "en detrimento da equidade".

E é que a xestión clínica que implementou a Xunta nada ten a ver coas orixes desta maneira de organización, que outorga maior capacidade de decisión aos e ás profesionais para mellorar a integración dos servizos asistenciais que se prestan nos centros públicos. "Moi ao contrario, esta proposta vai dirixida a avanzar na privatización" adxudicando a xestión deses servizos asistenciais a microempresas que se constitúen dentro do propio Sergas.