A Xunta aposta na segregación por sexos tamén nos centros de Benestar

[Imaxe: SG]

Os e as traballadoras do Centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) da Coruña denuncian que desde a dirección queren separar o alumnado e que os coidadores atendan homes e as coidadoras atendan mulleres. Aliás, quéixanse de que en cada unidade hai 26 persoas, cinco veces máis das que debera.


A aposta na segregación por sexos que a Xunta defende en nome da "liberdade de escolla" para xustificar o financiamento con diñeiro público a centros relixiosos que implementan esta práctica sexista chegou aos centros que dependen da consellaría de Benestar.

Desde o Centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) da Coruña, o comité de empresa denuncia que a dirección pretende impoñer esta división entre as mozas e mozos sen ningunha xustificación que vaia máis aló de "criterios puramente ideolóxicos".

Segundo explicou o presidente do Comité, Xosé Manuel López Viqueira, en declaracións a Sermos Galiza, "os homes síntense discriminados" e rexeitan que se poña en dúbida a súa profesionalidade. E é que a intención da dirección do centro vai máis aló e pasa por que os coidadores só se fagan cargo de homes e as coidadoras de mulleres.

Di Viqueira que até o de agora non se fixo nunca ningún tipo de diferenciación na atención que reciben @s moz@s en función do seu sexo e que non houbo tampouco ningún conflito. "E de o haber sería puntual, vinculado a quen o cause e non ao conxunto dos traballadores, e a Xunta dispón de mecanismos para o solucionar", subliñou o portavoz d@s traballador@s. 

''Grandes aparcadoiros'' sen atención á diversidade 

Aliás, o Comité de empresa queixouse tamén de que as unidades están "saturadas". Traballadoras e traballadores atenden unha media de 26 persoas, cinco veces máis das que deberan, pois segundo razoou Viqueira "dependendo do grao de minusvalía" o acaído serían cinco ou seis moz@s por unidade. Este modelo "está a se transladar tamén aos centros de terceira idade" nunha tentativa de aforrar en persoal mais que se traduce en facer dos centros "grandes aparcadoiros onde cadaquen resolve como pode". 

Por todo isto, as queixas de sexismo e asistencialismo serán as que coloquen riba da mesa @s traballador@s do centro da Coruña nunha xuntanza que manterán coa dirección esta cuarta feira, 13 de novembro. Nela exixirán, dunha banda, que se motive a razón pola cal se fará a separación por sexos e, doutra banda, analizarase "caso por caso" a "saturación" das unidades para identificar os supostos en que esta non é viábel antes de lle transladar a queixa á consellaría.