A Xunta aplica servizos mínimos de 70% e 100% na folga de traballadores da concesionaria de limpeza do CHUO

Chomplexo Hospitalario Universitario de Ourense (Foto: Nós Diario).
Servizos mínimos de 100% nas áreas de urxencias, UCI e Unidades de Hospitalización Covid e de 70% nas zonas libres de Covid.

A Xunta estabeleceu servizos mínimos de 100% nas áreas de urxencias, UCI e Unidades de Hospitalización Covid e de 70% nas zonas libres de Covid para a folga dos traballadores da concesionaria de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), a protesta implica ao servizo de limpeza dos centros que conforman o complexo hospitalario e desenvolverase de maneira indefinida a partir das 00.05 horas do 28 de febreiro.

A Xunta argumentou no DOG que "a suspensión da devandita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas enfermas e usuarias como do profesionais" engadido ao "escenario de crise sanitaria internacional", polo que estabelece os servizos mínimos mencionados.

Negativa da empresa a negociar un novo convenio

O comité de empresa convocou, por unanimidade, esta folga ante a negativa da compañía a cubrir as baixas de persoal e a negociar un novo convenio. Após varias reunións, a última esta sexta feira, non se conseguiron avances, segundo os representantes dos traballadores.

Convócanse manifestacións

Así mesmo, convocan manifestacións para os días 4, 8 e 10 de marzo, con percorrido nas inmediacións do CHUO. "Somos persoas, non robocops", denuncian os traballadores.

Censuran que a concesionaria "non cumpre cos coeficientes de persoal, faltando unha media de 15 traballadoras por cada xornada de traballo". Ademais, o comité apunta que o Sergas lles trasladou, nunha recente reunión, que sancionaría Ferrovial por falta de persoal de limpeza.