A Xunta anuncia agora máis profesorado para o inicio do curso

Aulas coas medidas de seguridade adoptadas para o final de curso (Europa Press)
A Consellaría de Educación anunciou onte a incorporación  de persoal docente no inicio de curso, unha das medidas que a comunidade escolar vén esixindo para mellorar a seguridade na volta ás aulas. Mais non será un reforzo estrutural, senón que se fará a través de contratacións mediante programas de apoio aos centros.

A Consellaría de Educación anunciou onte, a dous días do inicio das vacacións de agosto e coas protestas do profesorado e as ANPA polo seu protocolo para a volta ás aulas aínda coleando, que incorporará, de cara a setembro, profesorado "de apoio e reforzo" nos centros de ensino, a través de contratos-programa, un mecanismo que permite aos centros, de forma autónoma, dotarse de accións de apoio. Segundo indica a comunicación da Xunta, este persoal unirase aos e ás docentes "que se incorporen aos centros para facer posíbeis os desdobramentos precisos" e poderá "colaborar no desenvolvemento das devanditas medidas", se ben o protocolo da Xunta para a adaptación do inicio do curso á nova situación sanitaria non contempla estes desdobres como mecanismo para rebaixar as ratios de alumnado por aula e aumentar así a distancia interpersoal. 

A Consellaría de Educación, que realizou o anuncio o mesmo día en que publicaba a instrución para o novo curso académico, na que inclúe, entre outras medidas, un plan de reforzo para recuperar as aprendizaxes non logradas durante o confinamento, elude dar o número concreto de docentes que contratará "a maiores". Darao a coñecer, indica, unha vez estean fechados os datos de matrícula do vindeiro curso.

A ampliación de persoal, docente e non docente, é unha das reclamacións que levou os sindicatos presentes na mesa sectorial de ensino (CIG, CCOO, ANPE e UXT) a iniciar contra a Consellaría un calendario de mobilizacións pola súa planificación para adaptar o reinicio das clases ao contexto da Covid-19, un protocolo tachado de "inviábel" e "temerario" nas medidas de prevención e que, segundo critican o profesorado e as ANPA, pretende implantarse a "custo cero".

Na mesma mañá de onte, o presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pedía aos "operadores educativos" un esforzo de cara ao inicio de curso, esforzo que tamén comprometía por parte do seu Executivo. "Imos seguir traballando. O que está claro é que estamos nunha pandemia e temos un protocolo, que está supervisado, para as gardarías, centros de día, e feito con características similares para centros docentes", defendeu Feixoo ao remate do Consello de Goberno, apelando ás necesidades de "a conciliación" e ao "dereito constitucional a ter un ensino" que cobre o ensino.

Sindicatos como a CIG téñense pronunciado de forma crítica sobre este tipo de programas por contrato, por considerar que "non son universais nin garanten que se dea o mesmo trato a todos os centros". "Inciden na precariedade, xa que a inmensa maioría son contratos a media xornada e sen as mesmas competencias que o resto do profesorado", fai notar o secretario nacional de CIG Ensino, Suso Bermello, quen reafirma a oposición da organización a estes programas "con carácter ordinario e con máis motivos agora". Como alternativa, propón "reforzar con máis docentes a tempo completo e que formen parte a todos os efectos do cadro de persoal".

Segundo pon de relevo a central nacionalista, o Goberno español financiará os novos programas "en vez de pactar cos Gobernos territoriais o envío de fondos específicos para o incremento dos cadros de persoal", mesmo que fose con carácter puntual e transitorio, e os territorios acolleranse a eles "para non quedar sen esas axudas".