A Xunta chama a doar sangue, especialmente a xente nova

A Xunta fai un chamado a doar, especialmente á xente máis nova (Europa Press)

A Xunta anima as persoas doantes, especialmente a xente nova, a “colaborar e amosar, unha vez máis o carácter xeneroso e altruísta de todos os galegos e as galegas”, sempre que non teñan estado en contacto co coronavirus nin presentan síntomas. Lembra que nestes momentos, as reservas de sangue son moi importantes. 

A Consellaría de Sanidade lembra que as persoas maiores de 18 anos que cumpren coas condicións para ser doantes —pesar máis de 50 quilos, non ter padecido nin padecer enfermidades transmisíbeis polo sangue— poden saír da casa para acudir aos seus puntos de doazón habitual ou ás unidades móbiles despregadas. 

En concreto, nesta cuarta feira, haberá unidades móbiles en Bertamiráns (Ames), A Coruña (zona Obelisco), Narón, Padrón, Bembible (Val do Dubra), Vimianzo, Monforte, Allariz e O Rosal. 

Na sexta feira, día 20, as unidades situaranse en Bertamiráns (Ames), Ares, A Coruña (zona Catro Camiños), Boiro, Padrón, Sada, Monforte, Xinzo de Limia, Forcarei e Ponteareas. O sábado, día 21, desprazaranse até Ares, Boiro, Sada, Nogeuria de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo e Ponteareas. 

A Xunta asegura que está a tomar “todas as medidas precisas para garantir a seguridade” de doantes e persoas receptoras de compoñentes sanguíneos e lembra o teléfono que existe un teléfono de consultas, o 900100828.

Salienta que non se pode doar cun diagnóstico positivo de coronavirus ou se se estivo en contacto con persoas contaxiadass nin con sintomatoloxía compatíbel coa da pandemia, como tose, febre ou dificultade para respirar.