A Xunta agochou información sobre plantacións ilegais de eucaliptos

Plantación de eucaliptos no Cádavo, en Baleira. (Foto: Europa Press)
O TSXG condena o Goberno galego por negar expedientes

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de declarar ilegal unha resolución da Consellaría de Medio Rural que impide acceder a información sobre diversas plantacións ilegais de eucaliptos no concello de Cospeito. O auto obriga a Xunta a facilitar á Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a documentación recollida en dous expedientes de sanción incoados por corta de árbores autóctonas e posterior plantación ilegal con eucaliptos. A resolución apunta á responsabilidade da xefa territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo e alcaldesa do PP en Triacastela, Olga Iglesias.

A resolución do TSXG estabelece a lexitimidade das entidades ecoloxistas para poder participar como parte interesada en todos os expedientes de sanción por plantacións ilegais e “feitos que comprometan directa ou indirectamente o medio”.

Segundo sinala a resolución xudicial, a denegación de información por parte de Medio Rural furta o dereito de “impugnar ou replicar a decisión da administración nos procedementos de sanción, que podería ser contraria á protección do medio ambiente”. Na mesma liña, Adega lembra que o auto “pon de manifesto a concepción sesgada e cativa de información ambiental da Xunta”, que limita este dereito a supostos moi concretos.

Adega destaca que a sentenza desmonta varios dos argumentos empregados pola Xunta da Galiza e abre a porta a un maior control das plantacións ilegais polos colectivos ecoloxistas.

Neste sentido, a entidade sinala que “Medio Rural chega a asegurar que debe prevalecer o interese do infractor fronte ao dereito do colectivo á información ambiental”, aspecto “criticado contundentemente polo tribunal”, que afirma que “non hai interese que poida primar máis que a protección do referido ben xurídico que é o medio ambiente”.

A alcaldesa do PP de Triacastela no albo

O auto xudicial sinala directamente a xefa territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo e alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias. Segundo Adega, “a opacidade da xefatura territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo con respecto á tramitación das denuncias por cortas de arboredo autóctono e plantacións ilegais con eucalipto fíxose especialmente patente desde o nomeamento de Olga Iglesias Fontal como xefa territorial en 2017”.

Neste sentido, indican que “desde entón, este departamento aplica a Adega por defecto o silencio administrativo diante de calquera solicitude expresa de información en expedientes administrativos relativos a infraccións por cortas ou plantacións ilegais”.