A Xunta cifra en 7 sacos a cantidade de pellets recollida polos seus efectivos este sábado

Recollida de pellets nunha praia da Coruña (Foto: Elena Fernández / Europa Press).

A iso, súmase o saco recuperado da auga en Valdoviño polo helicóptero Pesca 1 de Gardacostas

A Xunta da Galiza informou este domingo que os seus efectivos lograron recoller durante a xornada do sábado o equivalente a sete sacos de pellets plásticos nas praias da Galiza, ademais dun recuperado da auga intacto na costa de Valdoviño polo helicóptero Pesca 1 de Gardacostas.

Nun comunicado, o departamento de Medio Ambiente que dirixe a vicepresidenta segunda do Goberno galego, Ángeles Vázquez, fai balance do dispositivo organizado desde a Administración galega para recoller os residuos plásticos procedentes da carga perdida polo 'Toconao'.

Así, a Xunta di recuperar até a data o equivalente a 90 sacos de pellets, nove deles na xornada do sábado, na que se despregaron en 56 areais de 34 concellos un total de 300 efectivos.

A eles, continúa o Goberno galego, súmanse os medios por mar, onde participan os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, as embarcacións de gran porte Sebastián de Ocampo, Irmáns García Nodal, Ría de Vigo e Mar de Galicia e outro catro patrulleiras de menores dimensións.

Vázquez volveu a remarcar que é necesario o traballo no mar "para tratar de recuperar os sacos enteiros e evitar que os milleiros de partículas que levan no seu interior acaben espalladas pola costa".

Por iso, instou o Executivo estatal a mobilizar medios marítimos para "minimizar na medida do posible a chegada de máis pellets á costa".