A Xunta advirte que en Belesar "xa non hai auga encorada, só a que achega o Miño"

O encoro de Belesar este domingo, 22 de agosto (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Xunta pide pide explicacións ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e alerta sobre o futuro da subministración a curto prazo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, advertiu sobre a ausencia de auga almacenada no encoro de Belesar. Segundo dixo, a única achega que recibe chega procedente só do río Miño.

"Compróbase visualmente que a achega de auga é a que fai o río Miño", destacou tras visitar Portomarín, onde estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o alcalde do municipio, Juan Carlos Serrano.

A subministración, en risco

"Esta circunstancia supón que se dependerá do tempo durante setembro e outubro para poder garantir a subministración e preservar os valores naturais e piscícolas", subliñou a conselleira, quen advertiu que a presa de Belesar está a 29,4% da súa capacidade, mentres que hai un ano estaba a 62%.

Neste sentido, Ángeles Vázquez pediu explicacións ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, ante "algo que non ocorreu no últimos dez anos, xa que a media nese tempo sitúase na contorna de 67% de capacidade".

"Terá que dirixirse aos alcaldes, en primeiro lugar, e, logo, á Xunta para explicar por que se autorizou o descenso da ocupación e que medidas van tomar de cara ao futuro", remarcou.

A conselleira fixo fincapé na "irresponsabilidade de autorizar ese baleirado masivo de auga", que nalgúns casos, matizou, realizouse en "períodos moi curtos de tempo".

Ante as posibles causas, apuntou que "non é un problema hidrológico porque choveu máis ou menos o mesmo o ano pasado que neste".

Encoros baixos

Nas súas declaracións, Ángeles Vázquez recoñeceu que técnicos da Consellería de Medio Ambiente trasladáronse nos últimos días aos encoros do Miño-Sil para coñecer a súa situación. "A competencia é da Confederación e, por tanto, do Ministerio de Transición Ecolóxica, pero si, de oficio realizamos as inspeccións necesarias", aclarou.

Neste sentido, prevese que os axentes ambientais da Consellaría continúen realizando inspeccións nos encoros de Belesar, Salas, Ceza e As Portas co obxectivo de vixiar a evolución da situación e detectar posibles danos.