A Xunta admite que non enviou persoal técnico a Ence até 9 días despois dos escapes

Na Comisión de Medio Ambiente, o Goberno galego respondeu a preguntas do Bloque sinalando que, tal e como denunciaran desde a Asociación pola defensa da ría e desde o Concello de Pontevedra, a Xunta deu por bos os informes da empresa.


Foi un domingo, o 11 de agosto, cando a Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (de aquí en diante APDR) alertaba dun posíbel escape na planta que a pasteira Ence posúe en Lourizán.

Sen poder confirmar este extremo por parte da empresa, o Concello de Pontevedra informou de que foran varias as persoas que desde distintos puntos do territorio se rexistraran chamadas alertando dese escape e dando conta das irritacións sufridas.

Ence non avisou ninguén do acontecido e, cando o Goberno local confirmou que, efectivamente, houbera unha emisión de substancias tóxicas maior do habitual, a dirección da pasteira escusouse aludindo a un mal funcionamento da caldeira sen relevancia algunha para a saúde pública. 

Que fixo a consellaría de Medio Ambiente?

Leu os informes enviados desde a propia empresa, deunos por bos e non enviou persoal da Xunta para comprobar o acontecido até o 20 de agosto, nove días despois do escape. Recoñeceuno esta quinta feira no Parlamento galego o propio PPdG perante as preguntas formuladas ao respeito por Montse Prado, deputada do Bloque. 

Con todo, nos días posteriores á fuga, a Xunta de Galiza, que contaba unicamente cos informes da propia empresa, saíu en defensa desta sinalando que se tratara dun caso "moi puntual", declaracións que, a xuízo da APDR, do Concello de Pontevedra e agora tamén do Bloque, veñen por de relevo a "conivencia" entre a consellaría e a multinacional pasteira. 

"Lamentamos que desde o PP contesten ambigüidades no canto de ter un posicionamento claro relativo ao abandono de Ence da ría de Pontevedra e que a súa estratexia sexa consolidar a fábrica nese emprazamento máis aló de 2018", sinalou a formación frontista nunha nota enviada á imprensa en que colocan no tellado da Xunta a responsabilidade de que a pasteira deixe Lourizán nesa data ou perpetúe a súa estadía até 2093, tal e como llo permite a Lei de Costas aprobada en Madrid.