A Xunta actualiza o total de casos activos da Covid-19 a 14.487

Descenden os contaxios mais non baixamos do milleiro de ingresos

Sala habilitada para os cribados da Covid-19 entre a veciñanza de Culleredo. (Foto: Nós Diario)

Galiza non descende do milleiro de persoas hospitalizadas con Covid-19, a pesar de rexistrar a cifra máis baixa de contaxios detectados nas últimas semanas.

Segundo as cifras da Consellaría de Sanidade, foron 506 os contaxios diagnosticados mediante calquera tipo de proba, 430 deles por PCR, pero tamén se levaron a cabo 1.500 test menos que na xornada anterior.

No balance diario publicado na súa web do Sergas (Servizo Galego de Saúde), con datos solicitados até as 18 horas da véspera, é dicir, da sexta feira, despréndese que o número de persoas ingresadas en UCI (Unidade de Coidados Intensivos) na Galiza con diagnóstico Covid-19 descende a 218, 10 menos que na xornada anterior, mentres que o global de ingresos queda ao bordo de baixar do milleiro, con 1.001 persoas, ao experimentar unha baixada de 83 pacientes en 24 horas.

O volume de casos activos facilitados pola Xunta, isto é, as persoas que padecen a enfermidade e aínda non deron resultado negativo nas probas diagnósticas, mantén a súa tendencia á baixa e, agora, son 14.847 as persoas con coronavirus na Galiza, 1.047 menos que na sexta feira. As áreas sanitarias melloran así a súa cifra de casos activos.

Por áreas sanitarias, na Coruña o número casos positivos é de 4.405, dos que a cifra de ingresados con Covid-19 é de 270 persoas, aínda que descende respecto da véspera en 20 pacientes, dos cales, 72 están en UCI, tres menos que na sexta feira.

Por debaixo está a área sanitaria de Vigo, con 2.346 casos activos, dos que 141 está hospitalizados, oito menos que onte, e 25 permanecen en UCI, dous menos.

Séguea Compostela-Barbanza con 1.957 positivos activos e 136 pacientes ingresados, seis menos que na sexta feira, mais a cifra de persoas ingresadas en UCI é de 36, e aínda que son catro menos que onte, é a unidade con maior volume de pacientes do país.

A área de Ferrol contabiliza 1.400 casos activos, igual que Compostela ten 136 pacientes dos 24 están en UCI, un máis que na xornada anterior.

En Ourense prodúcese a maior baixada da xornada, xunto coa experimentada na Coruña, e descenden 20 o total de ingresados até situarse nos 125, do que 13 están en críticos.

O descenso é de 16 pacientes no cómputo de hospitalizados na área de Pontevedra-O Salnés, que contabiliza agora 104, 20 en UCI. Por último, en Lugo descende o total a 89 aínda que soben os pacientes que necesitan coidados intensivos en tres persoas.

Segundo a última actualización facilitada pola dirección xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa, o número de casos activos de Covid-19 na Galiza é de 14.487. Do total de pacientes positivos, 218 están en UCI (Unidade de Coidados Intensivos), 783 en unidades de hospitalización e 13.846 no domicilio.

Polo de agora, na Galiza, di a o Sergas hai un total de 90.911 persoas curadas, rexistrándose 2.080 falecementos. O número de PCR realizadas até o día de hoxe é de 1.565.070.

Así as cousas, as cifras ofrecidas este sábado pola Consellería de Sanidade son as mellores en canto a número de contaxios detectados nun mes. Nas últimas horas foron diagnosticadas (a través de calquera tipo de proba) 506 persoas, 430 por PCR.

Residencia e escolas infantís

O Sergas informa que nas residencias de maiores e de persoas con discapacidade se contabilizaron media ducia de novos casos.

Deste modo, o cómputo de persoas maiores con Covid-19 é de 250, 40 no caso das persoas usuarias de residencias para discapacidades, e un total de 119 persoas traballadores de ambos os dous tipos de centros.

Canto a escolas infantís, a área sanitaria da Coruña é a que rexistra un maior número de positivos totais, con 728, séguena as áreas de Vigo con 415 e Pontevedra-O Salnés con 401 casos.

Por debaixo dos 400 casos mantéñense as áreas de Compostela-Barbanza con 323, 243 positivos hai na área de Lugo, 237 na de Ourense e 184 na de Ferrol.

Así, o total de aulas fechas ascende a 107, con 2 centros infantís completamente fechados.