Alerta laranxa e suspensión de actividades deportivas e no exterior de centros de ensino: todas as restricións polo temporal

O temporal deixará refachos de vento de até 100 km/h. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Debido á alerta laranxa por choiva acumulada, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada desta cuarta feira, día 11, as actividades no exterior dos centros educativos de 16 concellos para esta cuarta feira.

A Xunta da Galiza activou para esta cuarta feira a alerta laranxa por temporal de vento no litoral noroeste do país e na comarca da Mariña, ademais de manter a alerta laranxa por choiva en concellos do interior. Así mesmo, amplía a toda a costa galega a alerta laranxa por fenómenos costeiros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso deixará refachos de até 100 km/h desde media mañá. Nestas zonas, sinálase a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar perto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptíbeis de desprazarse con vento.

Por outra parte, mantense a alerta laranxa por choiva en Agolada, Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo-Cotobade, O Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. A Xunta lembra a importancia de circular con precaución ante as intensas precipitacións e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Debido á alerta laranxa por choiva acumulada, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada desta cuarta feira, día 11, as actividades no exterior dos centros educativos dos mesmos 16 municipios mencionados previamente.

Do mesmo modo, e debido á alerta laranxa por vento, durante toda a xornada tamén quedan suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos destoutros concellos: Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, OzaCesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Vilarmaior, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz. Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

A maiores, o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa que está a afectar o noroeste e o oeste do litoral e que tamén alcanzará A Mariña esta tarde, estenderase a partir das primeiras horas da madrugada de mañá a todo o litoral galego. Este fenómeno presenta mar combinada do oeste con ondas de até 6 metros, podendo aumentar durante a tarde até os 8 metros, con vento do suroeste ou do oeste de até forza 8.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados polas alertas laranxas por choiva e por vento, así como no mar polo temporal costeiro. Os concellos afectados e os horarios de vixencia das alertas poden consultarse na web Deporte Galego.

No que atinxe ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.