Estes tres ríos permanecen en nivel vermello ante o risco de desbordamento
Na Galiza hai 22 ríos en vixiados ao estar en nivel laranxa.
Os ríos Mandeo no concello de Coirós (As Mariñas), Cabeiro na localidade de Redondela (comarca de Vigo) e Miño ao seu paso pola Peroxa (comarca de Ourense) permanecen en nivel vermello ante risco de desbordamento.
Segundo trasladou o 112 Galiza, estes tres ríos presentan niveis elevados e risco de desbordamento nas súas marxes, nun contexto no que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o Plan Especial ante o risco de inundacións na Galiza (Inungal) en fase de preemerxencia, o que significa que se realizan controis e seguimentos en todos os ríos galegos.
Ademais, outros 22 ríos atópanse en nivel laranxa: Bermaña en Caldas de Reis (comarca de Caldas), Gallo no concello de Cuntis (comarca de Caldas), Baixo Umia ao seu paso por Ribadumia (O Salnés), Lérez na cidade de Pontevedra, Baltar no municipio de Sanxenxo (O Salnés), Mougas situado en Oia (Baixo Miño), Miñor en Gondomar (comarca de Vigo), Miño ao seu paso por Salvaterra de Miño (O Condado) e por Ribadavia (O Ribeiro), Eifonso e Lagares na cidade de Vigo, Xubia en San Sadurniño (Ferrolterra), Mero no municipio de Cambre (comarca da Coruña), Anllóns na localidade de Abegondo (comarca da Coruña), Cambeda en Vimianzo (Terra de Soneira), Tambre ao seu paso por Oroso (comarca de Ordes), Sar localizado en Ames (Compostela), Xundarana na Pobra do Caramiñal (O Barbanza), Limia no concello de Bande (Baixa Limia), Avia en Ribadavia (O Ribeiro), Deva no concello e Beade (O Ribeiro), Tea ao seu paso pola comarca do Condado e Arnoia en Baños de Molgas (Allariz-Maceda).