A Xunta abre unha liña de axudas para a atención de mulleres vulnerábeis

Manifestantes na marcha do Día da Muller, o pasado 8 de marzo, en Compostela (Foto: Arxina).
O programa conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, e cada entidade beneficiaria poderá percibir un máximo de 40.000 euros.

A Xunta da Galiza abre esta cuarta feira, 19 de xaneiro, o prazo para a solicitude de axudas destinadas á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Estas achegas están dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a activación dos seus programas de atención de mulleres en situación económica ou social de risco.

Cal é o orzamento desta liña de axudas?

Segundo o publicado na terza no Diario Oficial da Galiza (DOG), as subvencións deste ano contarán cun orzamento de 1,4 millóns e poderán solicitarse até o 18 de febreiro. O abano temporal que recolle a cobertura dos programas será do 1 de outubro de 2021 ao 31 de agosto de 2022, e cada entidade poderá recibir até un máximo de 40.000 euros.

A quen está dirixida?

Teñen esta consideración de especial vulnerabilidade as mulleres vítimas de violencia machista; de explotación sexual-laboral; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas; pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas; exreclusas; mulleres embarazadas ou lactantes sen apoio familiar ou sen recursos, e inactivas ou desempregadas de longa duración.

A Administración galega lembrou que, a través destas axudas, en 2021 financiáronse 80 programas de 80 entidades, "dando resposta a todas as solicitudes que se presentaron e cumpriron cos requisitos da orde de axudas". Na convocatoria de 2022, como novidade, permitirase a compatibilidade destas axudas con outras que reciban as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.

Que programas se poden financiar?

Esta iniciativa servirá, por exemplo, para a activación de programas que acollan recursos integrais específicos para mulleres de colectivos vulnerábeis e en situación de xestación ou lactación con fillos ou fillas menores de tres anos dirixidos a promover o seu desenvolvemento vital e a súa autonomía económica e afectiva, co obxectivo de corrixir que unha situación desexábel poida converterse nun factor de exclusión.

Outros dos eixos que destacou o Executivo galego no seu comunicado, é a cobertura de programas relacionados cos coidados e o acompañamento, é dicir, aquelas iniciativas de atencións personalizada e especializada para as mulleres dos colectivos mencionados que precisen atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación e adquisición de habilidades persoais e orientación laboral.

O Goberno sinalou que os proxectos que reciban estes investimentos deben ter en conta a concienciación na igualdade co obxecto de mellorar as expectativas persoais, sociais e laborais das mulleres de cara á súa integración. Nesta liña, destacou que outro dos obxectivos da iniciativa é a mellora da empleabilidad, xa que este campo, o do traballo, "é un dos puntais onde a loita contra a discriminación faise máis patente" e, á súa vez, "unha das vías que garante a emancipación feminina".