Os paxaros xa catalogados requerirían unha protección especial

A Xunqueira de Alba acolle 73 especies distintas de aves

O cirrio pálido nunca antes se avistara no Espazo Natural de Interese da Xunqueira de Alba. (Foto: SEO)
O Concello de Pontevedra fai público un estudo, realizado entre os meses de abril e setembro deste ano, e que se centrou na observación e no anelamento de aves no Espazo Natural de Interese Local da Xunqueira de Alba. A análise inclúe aves da zona, as que chegan alí para criar e tamén as migradoras.

Un estudo encargado polo Concello de Pontevedra detectou un total de 73 especies de aves distintas no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) de Xunqueira de Alba. A análise realizouse entre o 14 de abril e o 30 de setembro deste ano.

Foi a Concellaría de Desenvolvemento Sustentábel e Medio Natural, dirixida por Iván Puentes, a que fixo hoxe público este estudo sobre todas as aves observadas no período da primavera e do verán. Na presentación estivo acompañado pola enxeñeira técnica de Medio Ambiente Natural do concello, Sara Teijeira.

No informe presentado inclúense tanto as especies que viven nesa contorna todo o ano como as que se achegan ao lugar durante a primavera para criar, e tamén aquelas migradoras que non crían, pero que utilizan o ENIL para descansar e alimentarse na súa viaxe.

O traballo de seguimento, realizado polo biólogo Vítor Xosé Cabaleiro Barroso, constatou a presenza de 26 especies migradoras transaharianas, é dicir, que invernan no continente africano, ao sur do deserto do Sáhara, e que chegan en primavera para criar en Europa. 

Sara Teijeira quixo valorar na presentación que ningunha especie das que aparece neste traballo de investigación se encontra en perigo de extinción, pero si que unha boa parte delas está catalogada, e polo tanto, requiren algún tipo de protección especial. Nesta liña, e segundo o biólogo Vítor Xosé Cabaleiro, o seu traballo permitiu detectar neste espazo natural "unha especie de recente aparición na cidade, o cirrio pálido ou Apus pallidus, que no se vira nunca antes no ENIL e cuxa cría en Pontevedra se descubriu, por vez primeira, no ano 2015".

O concelleiro, Iván Puentes, quixo destacar "a minuciosidade, a paciencia e o tempo de dedicación que requiriu o traballo, xa que para efectuar este labor de detección de aves se fixeron censos cada dez días, percorrendo todo o ENIL cun itinerario fixo e anotando todas as especies vistas e oídas".

Elaboráronse censos dun total de 17 días, percorréronse arredor de 4,7 quilómetros diarios e detectáronse en cada rexistro unha media de 158 individuos e 34 especies distintas ao día. O autor do estudo tamén desenvolveu, entre os meses de agosto e setembro, 13 xornadas de anelamento científico de aves no interior de Xunqueira de Alba, coa finalidade de capturar especies de difícil detección aproveitando o paso migratorio outonal.

En conxunto, foron capturadas 228 aves de 26 especies e, como dato curioso, o autor relatou que o 7 de agosto atrapouse un exemplar de felosa dos xuncos ou Acrocephalus schoenobaenus, que se anelara en Inglaterra o 6 de setembro de 2019. Vítor Xosé Cabaleiro incluso puido avistar na Xunqueira un pelicano escapado dunha colección en Francia.

Cabaleiro Barroso xa realizara outras investigacións neste espazo ENIL, e mesmo chegara a publicar unha guía de anfibios da Xunqueira de Alba, á que seguiu no ano 2010 unha guía de aves da mesma zona.