Non haberá asunción de responsabilidades políticas após a carga aos okupas

Ferreiro defende os axentes locais e critica a lentitude no envío de reforzos da policía nacional

Foto de @achacueco

Seis días despois de a policía local da Coruña cargar contra o colectivo okupa no despexo do centro social A Insumisa, Xulio Ferreiro rachou o seu silencio. Fíxoo esta terza feira. E fíxoo para desbotar a asunción de responsabilidades políticas.

De acordo co relato de Xulio Ferreiro, a actuación dos axentes da policía local -que cargaron contra os okupas, como revela o vídeo gravado por unha xornalista- foi correcta. As súas críticas foron para a subdelegación do Goberno español pola lentitude no envío de reforzos, axentes da policía nacional, á antiga Comandancia de Obras da Coruña. En declaraciós aos meios, Ferreiro referiu que durante a mañá da cuarta feira 23 de maio houbo contactos entre mandos dos corpos policiais e que xa á tarde el propio -"após varios intentos infructuosos"- consegue que se lle poñan ao teléfone o delegado e o subdelegado do Goberno na Galiza. "Após ter esa conversa telefónica co subdelegado do goberno", relata, "pídeseme que envíe un requerimento por escrito pedindo o apoio da policía nacional, que é o que fago".

 

Ferreiro non ve motivos para depurar responsabilidades políticas dentro do seu goberno por este conflito e chama o colectivo okupa a colaborar no uso do futuro equipamento público das naves da antiga Comandancia de Obras da Coruña -onde estaba sediado o centro social A Insumisa-, sempre e cando asuman que a xestión lle corresponde ao concello.