''Xúlgannos por querer facer efectivo o dereito a vivenda’’

Concentración no Xulgado

Xulgan na Coruña a tres persoas que se opuxeron ao despexo de Aurelia Rey. Os avogados sinalan que os cargos dos que se lle acusan ‘’carecen de sentido’’ e STOP desafiuzamento fala de vaga sancionadora a movementos sociais.

A de Aurelia Rey foi unha desas loitas que perdura na retina. Xa vai máis dun ano desde aquel febreiro de 2013, mais as mobilizacións, os protestos e o compromiso social dunha cidade, A Coruña, para evitar o despexo dunha súa veciña reflexou unha loita, contra os desafiuzamentos, estendida por toda Galiza e o Estado.

Esta quinta feira, 3 persoas foron xulgadas por participar naquelas moblizacións. Están acusados de diversos cargos mais, como indican os avogados, estes “carecen de sentido”. Desde a Plataforma SOP desafiuzamentos da Coruña afírmase que “son xulgadas polo simple feito de terlles solicitado o número de placa a un policía que previamente lles pedira o seu número de DNI”. Acrecentan que “estas persoas foron acusadas dun "delito" consistente en “obstaculizar a rúa e o paso de vehículos”, sen que a día de hoxe se teña nin sequera concretado o tipo delictivo referido -malia a ter sido solicitado fai meses como “cuestión previa” por parte das avogadas das persoas afectadas”.

Dereitos

Unha concentración de varias ducias de persoas, entre as que estaba o deputado do BNG Francisco Jorquera, apoiou os acusados. Segundo EP, desde STOP despexos denunciaron que se está a xulgar “simplemente facer efectivo un dereito”, o dereito a vivenda.

Diferentes colectivos sociais coruñeses inciden en que este xuízo hai que enmarcalo na vaga de sancións e procesos abertos contra movementos cidadás da cidade. Poñen de exemplo as recentes multas de até 450 euros a persoas que tomaron parte nas mobilizacións contra o despexo do CSO Palavea.

Este sábado 12 de xullo, ás 20:00 horas, na Praza María Pita e convocada pola Plataforma contra a Represión haberá unha mobilización sob e o lema  ‘Reprímennos a nós para asustarte a ti’.