''Xulgan as mulleres, non os maltratadores''

A asociación Velaluz encetou unha greve de fame para reclamar "unha protección real que non fomente o empobrecemento nin a submisión nin a continuación do maltrato". Nun vídeo gravado por elas propias, catorce mulleres en situación de violencia machista relatan o seu testemuño.


"Cheguei á casa cos meus dous fillos e tiña a fechadura cambiada; puxen unha denuncia e a día de hoxe sigo sen poder entrar na vivenda". "Xulgan as mulleres, non aos maltratadores". "Recibín ameazas e puñadas". "Atopáronme agochada nunha obra cunha ferida na cabeza". "A policía tívome catro horas declarando e anotando o que a eles lle conviña nun papel". "Eu non era nada". "Temo pola miña vida". "Solicito que se faga xustiza co meu neto e que o manteñan lonxe do maltratador que neste caso é o meu propio fillo".

E así até catorce. Son as mulleres en situación de violencia machista que sentaron diante dunha cámara de vídeo para contar o seu testemuño perante a asociación Velaluz. Unha careta agocha a súa identidade, unha cinta illante tápalles a boca e un número ou unha letra válelles como nome. "Chámome Z". "Son a vítima número catro". 





​En greve de fame desde a terza feira, día 15, reclaman "unha protección real que non fomente o empobrecemento das mulleres, nen a súa submisión, nen a continuación do maltrato". As historias repítense. Ordes de afastamento denegadas. Crianzas que definen como "secuestradas" polos pais, os mesmos aos que denunciaron. Casos "urxentes" que tardan dúas semanas en ser atendidos nos xulgados. 

No local da asociación, que linda coa Audiencia provincial da Coruña, recibiron a visita de concelleir@s, deputad@s e militantes das forzas políticas da oposición: Vitoria Louro, María Xosé Bravo, Goretti Sanmartín e Carme Adán polo Bloque; César Santiso por Esquerda Unida; Gloria del Valle e Mar Barcón polo PSdG; ou Ricardo Saavedra por Espazo Ecosocialista.

A presidenta de Velaluz, Gloria Vázquez, repasa os motivos polos que encetaron un periodo de xaxún que será "indefinido": que se concedan as ordes de afastamento e se suspendan as visitas das crianzas aos pais se hai indicios de violencia, que se lles retire a potestade se hai sentenza firme condenatoria, que se volva conceder o salario da liberdade --a Xunta recortou o orzamento nun 25% e desde xuño deixou de o pagar, segundo denuncia a asociación--. En resumo, que se lles ofreza ás mulleres "a oportunidade de ter outra vida".