Xulgan un grupo criminal acusado de distribuír heroína na Galiza

Imaxe de arquivo dunha xiringa con heroína (Foto Darryl Dyck Europa Press)
O valor das substancias intervidas superaría os 1,3 millóns de euros no mercado ilícito.

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña xulgará, as vindeiras cuarta e quinta feira, os setes integrantes dun grupo criminal formado por albaneses e españois e dedicados ao tráfico e distribución de heroína na Galiza.

En concreto, trátase de sete cidadáns -entre eles tres albaneses en situación irregular- para os que Fiscalía pide 8 anos e nove meses de prisión por integración en grupo criminal e por un delito de tráfico de drogas.

O grupo foi desarticulado en 2022 grazas á intervención de axentes de Policía Nacional adscritos á Unidade de Drogas e Crime Organizado, que tiveron coñecemento de que estaba a operar na Galiza un grupo de persoas dedicado á distribución de droga.

 

 

Froito das vixilancias estabelecidas, o 5 de xullo de 2022 os axentes interceptaron na autovía A-6 ao seu paso por Pedrafita un coche no que viaxaban dous dos acusados, dúas mulleres. No coche, baixo a panca de cambios, atopouse "un sofisticado mecanismo de ocultación" con 20 paquetes que contiñan máis de 10 quilos de heroína.

En novembro dese ano, o xulgado ditou orde de entrada e rexistro no domicilio do suposto xefe da banda, así como dos outros seis integrantes. Entre outros elementos relacionados co tráfico de droga, nos domicilios acháronse case 3 quilos de heroína repartidos en distintas doses, así como diferentes cantidades de cocaína e cannabis. O valor das substancias intervidas superaría os 1,3 millóns de euros no mercado ilícito.

Como consecuencia, o Ministerio Público pide para os sete integrantes da banda 15 meses de prisión por integración en grupo criminal e sete anos e medio de cárcere por tráfico de drogas. En ambos os casos, rexeita que se poida conmutar a pena por expulsión do territorio nacional para o caso dos estranxeiros, dado que estima "necesario o seu cumprimento" pola "gravidade dos delitos". También reclama o abono dunha multa de algo máis de 4 millónsde euros.