Os xulgados practicaron 83 despexos en canto rematou o estado de alarma

Os desafiuzamentos e lanzamentos a persoas vulnerábeis suspendéronse no estado de alarma.
Os xulgados galegos practicaron no segundo trimestre deste ano 83 lanzamentos, o que supón unha forte caída respecto ao ano precedente, moi vinculada ao estado de alarma derivado da crise sanitaria do coronavirus, un período no que este tipo de procedementos estivo suspendido, como tamén os desafiuzamentos.

O Consello Xeral do Poder Xudicial vén de facer público o seu informe trimestral sobre os efectos da crise económica nos órganos xudiciais, referido ao período entre abril e xuño, e que abrangue desde procesos concursais en empresas ou despedimentos a desafiuzamentos e ocupacións ilegais de vivendas.

Segundo recolle o documento, os xulgados galegos practicaron nese tempo un total de 83 lanzamentos, que son os actos polos que se desposúe unha persoa dun inmóbel ou dunha finca, principalmente por impago da hipoteca ou o alugueiro. 

Eses 83 casos supoñen, segundo comunica o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), 87,4% menos que durante o mesmo trimestre do ano anterior, no que se executaron 657 lanzamentos.

Dado que, durante o estado de alarma, o Goberno español suspendeu os procedementos de desafiuzamento (referidos a alugueiro) e os lanzamentos de fogares vulnerábeis, e que os xulgados tiveron suspendidos os prazos procesuais até o 4 de xuño, o groso desa cifra correspóndese cos últimos 15 días de xuño, momento no que Galiza saíu do estado de alarma, aínda que non da situación de emerxencia sanitaria decretada pola Xunta. 

Dez deses lanzamentos producíronse como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria e outros 70, como resultado de procedementos derivados da Lei de arrendamentos urbanos (os tres restantes vincúlanse a outras causas non especificadas).

 Menos ocupacións ilegais

Nese mesmo trimestre, os xulgados galegos ingresaron un total de 27 demandas por ocupación ilegal de vivendas, que se refiren a casos en que as propietarias son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, o que deixa fóra procedementos no que a propiedade é dunha entidade financeira.

A cifra supón un descenso interanual de 15,6%, xa que no mesmo trimestre de 2019 chegaron aos xulgados 32 demandas desta clase.  

Os datos confirman o descenso neste tipo de demandas que xa se percibía no primeiro trimestre do ano, e do que deu conta o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, este mes, durante a apertura do ano xudicial, un acto onde o máximo representante da Fiscalía galega alertaba dun "fenómeno crecente". Tamén a conselleira de Vivenda aludía esta semana á ocupación de vivenda como "un fenómeno cada vez maior",  facendo referencia a 100 denuncias activas, mais sen ningún dato comparativo.