Os xulgados galegos, faltos de persoal e medios e con 156.000 casos sen resolver

A Cidade da Xustiza, inaugurada onte oficialmente, non estará plenamente operativa até 2023 (Foto: Europa Press)
Alárganse os tempos de espera dos procedementos.

O rei español, Felipe VI, presidiu esta terza feira en Vigo a inauguración oficial da Cidade da Xustiza, que albergará 38 xulgados e dúas seccións da Audiencia de Pontevedra e onde a Xunta investiu 40 millóns de euros. Até 500 funcionarios traballarán nestas instalacións, 44.000 metros cadrados, que non estarán plenamente operativas até 2023.

A inauguración con presenza da casa real destas instalacións xudiciais é un bo motivo para se preguntar pola situación real da xustiza na Galiza, onde as competencias no que atinxe á súa xestión están transferidas desde 1996 mentres o resto continúan en mans do Estado.

A 31 de decembro de 2021, os xulgados e tribunais da Galiza tiñan 156.027 casos sen resolver, segundo cifras do propio Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). 

Aumenta o tempo de espera

Ademais, e segundo este mesmo organismo, os tempos medios de duración dos procedementos xudiciais na Galiza sufriron nos últimos meses un alargamento a respecto dos anos anteriores. É dicir, espérase máis. Nos xulgados do social, case 12 meses —fronte aos 11 de 2019—, nos xulgados de violencia contra a muller en procedementos penais, 4 meses —a media en 2019 era de 3,6— e nos xulgados mercantís é de 14 meses cando en 2019 era de 12,2.

Para os sindicatos e representantes do persoal, nada que deba sorprender de ter en conta a falta de persoal e medios que hai na xustiza galega. "Por veces parece que somos de segunda división", resume a Nós Diario Óscar Freixedo, da CIG-Xustiza. Pablo Valeiras, de Alternativa pola Xustiza-CUT, confesa que "a situación non dá mellorado"  malia o paso dos anos.

Creación de novos xulgados

Até a propia comisión mixta formada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)  e a Xunta pediron hai unhas semanas ao Poder Xudicial a creación de sete novos xulgados na Galiza —e dúas prazas de maxistrado e para Ourense unha de xuíz— para aliviar a grande carga de traballo que soporta o sistema xudicial. Na Galiza, a media é e once xuíces por cada 100.000 habitantes mentres no Estado é de doce.

Transferencia

"O persoal é escaso e a carga de traballo, enorme", indica Óscar Freixedo, que defende o traspaso a Galiza de todas as competencias en xustiza. "Non houbo unha aposta serie, real, pola modernización do sistema xudicial na Galiza" e iso afecta a traballadores e usuarios. Pon exemplos como o da Fonsagrada, onde hai unha soa praza nos xulgados e esa persoa "ten que estar de garda os 365 días do ano, non compensa".

Pablo Baleiras , pola súa parte, explica como en xulgados da Galiza estanse a cancelar viodeoconferencias (de declarantes, testemuñas,...) por falta do persoal necesario, o que obriga a estas persoas a se desprazar.  "Hai sitios onde non dan abasto co traballo que teñen, e o peor está fóra das cidades", di, algo no que coincide Óscar Freixedo: "Hai xulgados onde se non é porque os traballadores meten horas, a situación estaría moito peor".