Social

Os xulgados galegos reducen máis a presenza de funcionarios após 7 casos de COVID-19

TSXG
A comisión de seguimento da crise do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza adopta novas medidas "para axustar a presenza de persoal funcionario á evolución epidemiolóxica do coronavirus".

A comisión de seguimento da crise sanitaria da COVID-19 do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) foi informada, nunha reunión mantida esta terza feira, dunha nova redución no número de funcionarias que terán que prestar os seus servizos de forma presencial para a atención de xulgados e tribunais.

Haberá unha norma complementaria á resolución do Ministerio de Xustiza do 30 de marzo, onde se limitan aínda máis os servizos onde se require unha atención presencial, "para axustar a presenza de persoal funcionario á evolución epidemiolóxica do coronavirus".

Até o día de hoxe, o TSXG informa que foron notificados á comisión "sete casos de positivos" na Galiza por coronavirus entre xuíces e xuízas, fiscais, letrados e letradas da Administración de Xustiza e funcionarios e funcionarias, parte deles xa de alta nestes momentos.

En todos os casos procedeuse á correspondente limpeza e desinfección dos xulgados onde prestaban os seus servizos, a pesar de que na maior parte dos casos facía días ou mesmo semanas que as contaxiadas non estiveran nas oficinas.

Desta forma, contarase con persoal funcionario de forma presencial nos xulgados de garda dos 45 partidos xudiciais do país, nas fiscalías de menores, nos xulgados exclusivos de Violencia sobre a Muller e nos rexistros civís, incluídos os que corresponden aos xulgados de paz. "Preténdese, desta forma, garantir as actuacións urxentes da Administración de Xustiza a toda a cidadanía", segundo traslada o TSXG.

Para atender o resto de asuntos que teñan a consideración de esenciais, como dilixencias relacionadas con causas con preso, os xulgados ou tribunais que o necesiten poden solicitar a presenza do persoal funcionario que para cada situación se precise, xa que están en situación de dispoñibilidade e coa obriga de estar localizables por se se requiren os seus servizos.

Xulgados de Violencia sobre a Muller

A comisión de seguimento abordou tamén a situación dos Xulgados de Violencia sobre a Muller, onde se rexistrou un descenso do número de casos.

Neste sentido, cabe lembrar que estes órganos seguen funcionando con normalidade, pois están considerados como servizos esenciais, polo que as vítimas poden contactar con eles da forma habitual.

Desde o TSXG salientan que "todos os xulgados galegos contan xa co material de protección (luvas, xel hidroalcohólico e máscaras) distribuído tanto pola Xunta como polo Ministerio.