Coronavirus

O TSXG cancela as visitas a xulgados non relacionadas coa "actividade xurisdicional"

Edificio do Tribunal Superior de Xustriza da Galiza (Xoán Roberes).
Quedan suspendidas as visitas individuais ou colectivas a dependencias xudiciais que non estean directa e exclusivamente relacionadas coa actividade xurisdicional.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anuncia que se suspenden "as visitas individuais ou colectivas a dependencias xudiciais que non estean directa e exclusivamente relacionadas coa actividade xurisdicional ou as condicións para que esta se poida realizar".

Pospóñense, desta maneira, as actividades do programa Educar en Xustiza e as visitas colectivas de institucións, colexios, centros universitarios e calquera outra que implique presenza nas dependencias xudiciais de persoas que non teñan sinalamentos de carácter xurisdicional ou administrativo aos que acudir.

O presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, trasladou esta cuarta feira á carreira xudicial galega as instrucións publicadas, tras o acordo da Comisión Permanente, polo Consello Xeral do Poder Xudicial relativas á prestación do servizo público ante a situación xerada polo COVID-19, facendo constar que a súa aplicación é de carácter inmediato.

Así mesmo, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza tomou a decisión, ratificada hoxe pola Sala de Goberno, de suspender as visitas individuais ou colectivas a dependencias xudiciais que non estean directa e exclusivamente relacionadas coa actividade xurisdicional ou as condicións para que esta se poida realizar.

O acordo tamén indica que "a asistencia do persoal xudicial a actos organizados por corporacións, institucións ou Administracións que impliquen presenza masiva de persoas déixase á responsabilidade individual das persoas asistentes", aínda que se lembra "a importancia que ten o exercicio da función xurisdicional e a necesidade de evitar situacións que poñan en risco de contaxio ás persoas que a desenvolven e a quen con elas se relacionan". Neste sentido, e no ámbito da Galiza, "dispensarase a avogados/as e procuradores/as do uso de toga en actos xudiciais".

Desde a Presidencia do TSXG entenden que estas medidas serven "para garantir a saúde de quen intervén na función xurisdicional" e para que esta "se poida desenvolver adecuadamente".