Xustiza

Un divorcio conclúe en Vigo cunha 'pensión' de 40 euros mensuais... para o can

Un can xogando nun parque. (Foto: Nós Diario)
O xuíz determina que a mascota do matrimonio quedará ao coidado da muller e que ambos os dous deberán abonan "a metade dos gastos extraordinarios e de veterinario".

As mascotas tamén contan nos divorcios, e así o constata a Xustiza en Vigo. A Audiencia Provincial de Pontevedra ratificou recentemente unha sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 15 da cidade olívica na que se fixa, entre outras cuestións, unha 'pensión' de 40 euros mensuais para os coidados dunha mascota tras un proceso de divorcio.

En concreto, na sentenza, na que tamén se estabelecen condicións de custodia e pensión para as crianzas da parella divorciada, o xuíz determina que a mascota do matrimonio quedará ao coidado da muller e que ambos os dous deberán abonan "a metade dos gastos extraordinarios e de veterinario" que se deriven do seu coidado.

Con todo, atendendo ao maior poder adquisitivo do home, a sentenza decreta que el "contribuirá ao gasto do animal coa suma de 40 euros ao mes", unha cantidade "actualizábel anualmente conforme ao IPC".

A sentenza orixinal data de febreiro do ano pasado, aínda que foi confirmada a finais de 2023 pola Audiencia de Pontevedra tras un recurso interposto pola muller en relación ao réxime de custodia compartida das crianzas da parella, así como ao uso dun vehículo. A Audiencia rexeitou o recurso e confirmou a decisión xudicial inicial.