Un xulgado de Vigo exonera da súa débeda unha muller que perdeu o seu emprego durante a pandemia

Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
Após divorciarse, esta veciña de Vigo viu agravada a súa situación durante a pandemia, ao perder o seu emprego, polo que se acolleu finalmente á 'Lei de segunda oportunidade'.

O xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo vén de ditar un auto no que acorda exonerar unha veciña da cidade do pagamento de débedas que ascendían a máis de 38.000 euros, ao acollerse á 'Lei de segunda oportunidade'.

Segundo informou a Asociación de Axuda ao Endebedamento, esta muller acudiu á organización após divorciarse e perder o seu emprego durante a pandemia. A súa situación de paro, cun subsidio de pouco máis de 450 euros, facíalle imposíbel afrontar o pagamento dos créditos contraídos durante o seu matrimonio, e que debía abonar após divorciarse, ao estar casada en réxime de gananciais, así como a manutención dos seus fillos.

No auto do xulgado, datado o pasado 21 de xullo de 2022, recóllese que a muller cumpre os requisitos legais para acollerse ao Beneficio de Exoneración do Pasivo Insatisfeito. Así, explicou a Asociación, após o divorcio, esta veciña de Vigo viu agravada a súa situación durante a pandemia, ao perder o seu emprego, e acudiu á organización para buscar que, ou ben se lle reducise a débeda, ou ben fose exonerada do pagamento.

Os letrados acudiron ao xulgado para notificar a situación de insolvencia da afectada e, a continuación, expuxeron no seu nome unha proposta de acordo aos acredores (bancos e entidades financeiras). Este trámite fíxose ante notario para que quedara constancia da boa fe da muller, aínda que a proposta non foi aceptada.

Finalmente, a afectada presentou demanda para declararse en concurso e solicitou acollerse á 'Lei de segunda oportunidade'. O auto do xulgado vigués aceptou a súa petición, dado que o propio administrador concursal xa reclamara a "conclusión do concurso por insuficiencia da masa activa" sen que se presentasen alegacións en contra.

Aliás, a muller cumpría os requisitos para ser exonerada, dado que non podía afrontar os pagos da débeda cos seus ingresos, tentou un acordo extraxudicial e pagara os créditos contra a masa (non exonerábeis).

Por iso, o xulgado vigués acordou a conclusión do concurso e a exoneración do pasivo non satisfeito por esta veciña (agás créditos de dereito público e por alimentos), á vez que estabeleceu que os acredores non poderán iniciar ningún tipo de acción fronte á debedora para cobralos.