O ex mozo de Déborah Fernández defende a súa inocencia, mais incorre en "novas contradicións"

Entrada ao xulgado de Tui do único investigado pola morte de Déborah Fernández. (Foto: Europa Press)
O avogado da familia da vítima, Ramón Amoedo, confirmou á saída dos Xulgados que nesta declaración do único investigado no caso quedaron patentes "novas contradicións", e lembrou que xa anteriormente en sede policial "cada relato era diferente do anterior".

Na mañá desta sexta feira foi chamado a declarar no xulgado de Tui o único investigado en relación coa desaparición e a morte da moza Déborah Fernández-Cervera en 2002, para comparecer ante a xuíz de instrucción número 2.

O investigado, Pablo P.S-L., que era parella da vítima na altura, accedeu cun xesto serio ao edificio, acompañado do seu servizo xurídico, e foi recibido por un grupo dunhas 30 persoas, familiares e amizades íntimas da moza, que portaban pancartas con fotos dela e o eslogan "Xustiza para Deborah".

O avogado da familia de Déborah, Ramón Amoedo, confirmou que Pablo P.S-L. "defendeu a súa inocencia" e o seu testemuño non contribuíu a pór luz sobre os feitos, aínda que quedaron patentes "novas contradicións". De feito, o letrado lembrou que o ex mozo de Déborah prestou declaración en varias ocasións en sede policial e que cada relato "era diferente do anterior"; esta sexta feira, a declaración foi "un pouco distinta ás demais".

Precisamente, o feito de que incorra en tantas "contradicións" é un indicio "fundamental" para este letrado, que lembrou que esas discordancias tamén chamaron a atención no seu día á Policía. Aínda que a declaración do investigado non transcendeu, o seu testemuño estivo na liña de desvincularse da morte de Déborah, e asegurou que non estivo con ela o día que desapareceu.

"Raiba contida"

Pola súa parte, a irmá de Déborah, Rosa Fernández-Cervera, trasladou a súa "confianza" en que a declaración desta sexta axude a que "saian datos" para seguir investigando. Sexa como fot, expresou o seu convencemento de que Pablo P.S-L. incorreu en contradicións, porque "está no seu dereito de mentir".

Esta portavoz da familia valorou, con todo, que por vez primeira esta persoa comparecese ante a xuíza neste procedemento, após numerosas peticións que foron rexeitadas ao longo da instrución. "A xustiza por fin apoia buscar a verdade. Para min xa é unha gran vitoria, independentemente do que pase", afirmou.

Preguntada sobre como viviu o momento de ver entrando no xulgado a quen a Policía apuntou como principal sospeitoso neste caso, Rosa Fernández-Cervera admitiu que sentiu "raiba, moita raiba contida". No entanto, a respecto do incidente co avogado defensor —que lle dixo que "calada" estaba "máis guapa" ao increpar Rosa a Pablo—, restoulle importancia e atribuíuno ao "nerviosismo". "Todos estamos histéricos, falamos dun asasinato, non é un delito menor, pero hai que ser prudentes, animo a todos a ser prudentes e a andar agora con pés de chumbo", resolveu.

A citación como investigado de quen a Policía chegou a apuntar como principal sospeitoso prodúcese ás portas de que o caso prescribise —en maio deste ano—, aínda que esa citación paralizou os prazos.

Resultados da exhumación 

Na tarde desta quinta feira transcendeu que os resultados do Instituto Nacional de Toxicoloxía, tras a análise das mostras recollidas do cadáver de Déborah, cuxo cadáver foi atopado nunha cuneta do concello do Rosal días despois de ter desaparecido mentres practicaba deporte, confirmaron a presenza de ADN masculino nunha das súas unllas.

En declaracións a Europa Press, a irmá da vítima amosou a súa "esperanza" en que o xulgado acepte a petición da familia de ampliar as probas periciais de ADN e buscar marcadores xenéticos nas mostras localizadas nas unllas.

Por outra parte, a respecto do cabelo achado após a exhumación do corpo da moza, os estudos de toxicoloxía determinaron que se trata dunha fibra de PVDC, material empregado para o envasado de alimentos, entre outros usos. "O que demostra, máis unha vez, a neglixencia da autopsia inicial", lamentou a familia.