Xulgada por supostas agresións unha vítima das preferentes con discapacidade psíquica

preferentes_capa_pequena

Policías de Tui piden 3.200 euros a Lois Baulo, ao que acusan de golpealos durante unha concentración a pesar de tratarse dun diminuído psíquico do 70 por cento que aínda non recuperou todos os cartos da indemnización polo accidente que lle causou a lesión e que investiu no calote financeiro.  

 

“Un xuízo que nunca debeu ter lugar”, así cualifica Xesús Domínguez, voceiro da plataforma de afectad@s polas preferentes en Compostela, a vista que tivo lugar hoxe en Tui e á que acudiron membros de colectivos de toda Galiza como o citado a solidarizarse con Lois Baulo, unha persoa cunha discapacidade psíquica do setenta por cento ao que dous policías locais da localidade fronteiriza acusan de agresións. 

“O compañeiro padece unha discapacidade e estivo loitando na rúa para recuperar os cartos que percibira de indemnización após o atropelo que lle provocou a minusvalía, e que lle foran estafados a través das participacións preferentes”, explican desde a plataforma de afectad@s de Compostela, que consideran que a celebración do xuízo fai parte da estratexia de criminalización que veñen sufrindo @s preferentistas durante a súa longa protesta. 

“Malia que polo seus problemas mesmo chega a dicir o contrario sen ser consciente, Baulo aínda ten xuízos pendentes para recuperar os seus cartos e aínda por riba ten que sufrir circunstancias como a de hoxe, cando a acusación solicitaba unha desmedida indemnización de 3.200 euros, que a fiscalía rebaixaba a 300”, explica Xesús Domínguez.

O demandado foi reducido pola policía local -de forma “salvaxe” segundo algunhas testemuñas- durante unha concentración en solidariedade con Xulio Vicente, outro preferentista de Tui que foi acusado de agresión pola policía, quedando absolto ao non poderse probar os feitos. A sentencia coñecerase nos próximos días.