No Pregón do entroido de Compostela

Un xulgado admite a querela contra o dramaturgo Carlos Santiago por ofensa aos sentimentos relixiosos

pregon carlos santiago

Foi presentada por Avogados Cristiáns – os mesmos que denunciaron Willy Toledo-, que considera que o dramaturgo galego co seu discurso carnavaleiro na capital galega "atentou" contra o Apóstolo e a Virxe María.

Un xulgado de Compostela admiteu a trámite a querela imterposta pola Asociación Española de Avogados Cristianos contra o pregón que o dramaturgo Carlos Santiago deu na Festa do Entroido da capital de Galiza. Esta asociación considera que o artista cometeu un presunto delito de inxurias, de incitación á discriminación e contra os sentimentos relixiosos. É máis, presentou a querela ao entender que o dramaturgo difundiu, a través do seu discurso, burlas cara a igrexa e "calificativos eróticos e soeces que atentaban contra o Apóstolo, a Virxe María e a Señora do Pilar".

 

O alcalde compostelán, Martiño Noriega, xa manifestou que espera que a querela  "non leve ningunha outra consecuencia". "Confío no estado de dereito,  non podo pensar que imos estar nun tribunal inquisitorial. Estamos no século XXI", dixo. 


Igrexa e PP fixeron cruzada común contra o pregón de carnaval de Compostela, contra o seu autor e contra o propio concello.  Un pregón carnavaleiro en que Carlos Santiago, nunha sátira do Apóstol, animaba a vivir as festas. El Correo Gallego montou unha cruzada contra pregón, pregoeiro e concello afirmando que asistentes ao acto se sentiran insultados e ofendidos polo seu contido, no que, apontaban, que se ofenderan sentimentos relixiosos. Axiña saíron a dar cobertura política o PP de Santiago e, tamén o de Zaragoza (pois tamén, disque, se ofendera a Virxe do Pilar). Desde peticións de arrepentimento pública a de dimisión, non faltou de nada. Nin sequer ameazas (mesmo de norte) nas redes sociais ao alcalde de Compostela, Martiño Noriega, e ao pregoeiro.

 

No sarillo non podía faltar a igrexa: o arcebispado de Compostela organizou un acto de “desagravio” na Catedral este sábado pasado. Ao día seguinte, e para que o conto non morra, o propio presidente español, Mariano Rajoy, publicaba no seu twitter: “Mi apoyo  a los vecinos de Santiago que quieren que las fiestas, como el pasado carnaval, sean momentos de respeto y convivencia, y esperan eso mismo de su ayuntamiento. Los pregones deberían servir para invitar a todos a la celebración, no para indignar a la mayoría. MR".